Santiago, 20 de novembro de 2024.- Unións Agrarias pide unha maior protección e control sobre a entrada de alimentos de países extracomunitarios polos efectos perniciosos que poidan xerar acordos comerciais inxustos como se están armando co Mercosur.
O sector agroalimentario é moi sensible, é estratéxico e atravesa un momento de grandes dificultades. Por tanto, toda decisión que lle afecte debe tomarse coa máxima prudencia e tras realizar estudos de impacto que permitan mitigar calquera posible dano, porque a soberanía alimentaria, tal como quedou de manifesto durante a pandemia, resulta un ben moi valioso a protexer.
En Unións Agrarias-UPA estase a traballar a todos os niveis, especialmente a través do COPA-Cogeca, o noso órgano de representación ante as institucións europeas, para trasladar a Comisión, Parlamento e Consello a necesidade de protexer ao noso sector, especialmente ás explotacións familiares, as maioritarias e máis sensibles.
A agricultura e a gandería españolas son líderes en Europa. Producimos cantidade e calidade e temos unha forte vocación exportadora. Todo acordo comercial que rubrique España debe orientarse a potenciar ese liderado e lograr que o sector primario español siga apoiando á nosa economía, achegando á nosa balanza comercial e dando oportunidades ás zonas rurais. Nese sentido é imprescindible que se aplique sempre o principio das cláusulas espello. Estamos fartos de sufrir acordos comerciais que non benefician en nada aos agricultores e gandeiros.
En relación coas mobilizacións en Francia, desde Unións Agrarias esiximos que se protexa o que é un dos principios fundacionais da Unión Europea: que é a libre circulación de persoas e mercadorías. Os reiterados e lamentables ataques na fronteira a produtos españois demostran que os franceses están unha vez máis equivocándose de inimigos. Esiximos á Xendarmería que cumpra a súa labor de vixilancia e seguridade e protexa aos nosos transportistas e ás nosas producións.
Tamén apelamos á solidariedade dos produtores franceses connosco, os seus compañeiros españois. As producións españolas non son en ningún caso culpables dos problemas que poidan ter alén dos Pirineos. Ben ao contrario, os nosos problemas son en moitos casos comúns e deben ser abordados desa mesma maneira.