FADEMUR PIDE MAIOR ATENCIÓN Á VIOLENCIA DE XÉNERO NO RURAL

No marco dos actos do Día Internacional das Mulleres Rurais, en Sobrado dos Monxes

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2024.- A Federación de Mulleres Rurais de Galicia, (FADEMUR) reuniu a máis de 400 mulleres dos concellos rurais da provincia de A Coruña, para participar no acto central de celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais, que nesta edición se celebrou no Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

O evento, que contou un ano mais coa colaboración da Deputación de A Coruña, tivo como elemento central a dramática situación das mulleres que sofren violencia de xénero no medio rural galego e que ten unha especial relevancia. Máis do 50% do asasinatos machistas en Galicia tiveron lugar en concellos rurais galegos, como se desprende dos datos obtidos recentemente.

Tendo en conta esta realidade, desde FADEMUR Galicia reclámase que se habiliten campañas de sensibilización pensadas para o medio rural, no que os estudos realizados falan de que 6 de cada 10 mulleres coñecen un caso de violencia machista no seu entorno. Ademáis precísanse mais recursos, xa que cada vez os postos da Garda Civil están mais lonxe e os centros de información á muller saturados de traballo. Para Verónica Arrojo, presidenta de FADEMUR “son precisas medidas específicas e unha maior atención das vítimas rurais, modificar as medidas de protección que moitas veces no rural non son efectivas nin fáciles de cumprir”.

Durante a inauguración da xornada tomaron a palabra o alcalde de Sobrado dos Monxes, Lisardo Santos; o prior do Mosteiro de Sobrado, Carlos Gutierrez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos; e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Na súa intervención, o secretario xeral afirmou que “se queremos atraer poboación ó entorno rural evitando o envellecemento e o despoboamento do rural, temos que apostar pola calidade de vida a través da creación de emprego e a posta en marcha de servizos e dotacións” e destacou o papel que poden supoñer os fondos europeos ‘Next Generation’, xa que contemplan como un dos eixos centrais avanzar na igualdade de xénero mediante a aplicación de medidas transversais orientadas a elevar a taxa de emprego feminino; a mellorar, fortalecer e reorganizar o sistema de coidados de larga duración; a elevar o potencial educativo, a igualdade de oportunidades e a reducir a fenda dixital.

De maneira complementaria ó acto institucional, celebrouse unha mesa redonda co título “As mulleres do rural fronte á violencia de xénero”, na que participaron Carlos Ferrás Sexto, catedrático de Xeografía Humana da USC, Ana Cobo, psicóloga especialista en educación familiar e responsable do CIM de Ferrol, Paz Fligueira, maxistrada, e Yolanda García, profesora de Traballo Social da Uvigo e especialista en violencia de xénero. A mesa foi moderada por Rosa Arcos Caamaño.

Como cada ano, durante o acto realizouse un recoñecemento a mulleres, entidades e empresas do mundo rural que destacan polo seu compromiso coa igualdade no mundo rural e a súa aposta pola cultura, a innovación ou a posta en valor dos produtos autóctonos.

Nesta edición, os recoñecementos foron para:

RECOÑECEMENTO POLA SÚA APORTACIÓN AO MUNDO DA CULTURA, A LINGUA E COMUNICACIÓN:

Helena Villar Janeiro

RECOÑECEMENTO A POSTA EN VALOR DOS NOSOS PRODUCTOS:

Sandra Alvite Ferreiro

RECOÑECEMENTO AO COMPROMISO CO SECTOR PRIMARIO E O TERRITORIO:

Mónica Penas González

RECOÑECEMENTO AO COMPROMISO COA IGUALDADE E O MEDIO RURAL:

Taciana Díaz Mariño

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias