Santiago, 27 de novembro de 2024.- Unións Agrarias pide as cadeas de distribución que operan en Galicia que sigan o exemplo de Carrefour ou Intermaché en Francia e demostren ter un compromiso real coas explotacións de gando de carne galegas, priorizando a venta da súa produción sobre a procedente de países extracomunitarios polos efectos perniciosos que xeran estos acordos comerciais inxustos, como o que se está armando co Mercosur.
Por ese motivo, UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor de carne porque supón o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. E destaca o imprescindible papel que realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. En Galicia temos 20.000 explotacións de carne de vacún das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña: en torno a 2.500.
Neste sentido, desde a organización agraria afírmase que tanto desde o punto de vista social, económico e mesmo nutricional, pensando xa nas persoas consumidoras, resulta imprescindible un control efectivo sobre a entrada de produtos cárnicos e a colaboracións das grandes superficies para evitar as prácticas enganosas de facer pasar por carne galega aquelo que non o é.
O sector agroalimentario é moi sensible, é estratéxico; e ademais atravesa un momento de grandes dificultades. Por tanto, toda decisión que lle afecte debe tomarse coa máxima prudencia e tras realizar estudos de impacto que permitan mitigar calquera posible dano, porque a soberanía alimentaria, tal como quedou de manifesto durante a pandemia, resulta un ben moi valioso a protexer.
A organización agraria rexeita que se use, unha vez mais, ao sector gandeiro como moeda de cambio nos negocios comerciais entre a Unións Europea e terceiros países. Sexa agora co acordo con Mercosur ou na guerra comercial de hai uns meses con China polos aranceis a importación de coches asiáticos. O sector primario sempre leva as de perder porque estas incertezas son aproveitadas por determinadas industrias para tentar introducir novas baixadas nas cotizacións en orixe.
Producimos cantidade e calidade e temos unha forte vocación exportadora. Todo acordo comercial que rubrique España debe orientarse a potenciar ese liderado e lograr que o sector primario español siga apoiando á nosa economía, achegando á nosa balanza comercial e dando oportunidades ás zonas rurais. Nese sentido é imprescindible que se aplique sempre o principio das cláusulas espello.