GANDEIROS DE ARZÚA E O PINO DEMANDAN ACTUACIÓNS URXENTES DE MEDIO AMBIENTE ANTE A ESCALADA DOS ATAQUES DO LOBO

Unións Agrarias advirte do deterioro da situación, que aboca aos peches das explotacións gandeiras do país

Santiago de Compostela, 29 de novembro.- Unións Agrarias vense de reunir cun nutrido grupo de gandeiros afectados este ano por reiterados ataques do lobo na área de Arzúa e O Pino nunha escalada de ataques ao gando das súas explotacións sen precedente.

Os damnificados relataron como o lobo cambiou a pauta de comportamento e se vai achegando ás cortes, nas que incluso se chega a introducir para matar o gando. Unha situación que xera a súa indefensión ante a imposibilidade dun peche total das parcelas e as instalacións. Todo isto vai configurando un contexto que só pode ir a peor nos próximos meses, polo que, de non tomarse medidas de inmediato, varios dos presentes coincidiron na súa vontade de pechar as explotacións por inviables. Os gandeiros non poden soportar os ritmos anuais de ataques, que en varios casos no que vai de ano, xa superan a decena entre os animais mortos e os que quedan seriamente feridos.

As explotacións afectadas son fundamentalmente de vacún, tanto de leite como de carne, aínda que tamén houbo baixas de gando ovino, caprino e mesmo equino. O que da idea da xeralización dos ataques e como afectan a todo tipo de explotacións e manexo do gando. Así como a desaparición de cans e gatos nas contornas habitadas, incluíndo varias mortes documentadas de cans de garda dos rabaños, como mastíns.

No encontro tomouse a decisión de pedir a implicación da Xunta para poder voltar a unha situación de normalidade. Para iso vaise solicitar nas próximas semanas, avalados por un informe técnico, a activación de accións puntuais de control mediante caza, que se contemplan na propia Orde Ministerial de protección do lobo no listado LESPRE, ao entender tanto os técnicos de Unións como os gandeiros presentes, que se dan as circunstancias de excepcionalidade que figuran no propio LESPRE, que xustificarían a autorización de extracción de exemplares (ataques reiterados ao gando, ineficacia das medidas preventivas e de manexo, non afección de caza de animais puntuais á viabilidade das poboacións locais de lobos).

Estas medidas de accións puntuais de caza para restaurar a normalidade da convivencia entre as mandas de lobos e a gandeira, son práctica habitual noutras Comunidades Autónomas lobeiras da cornixa cantábrica, como Asturias ou Cantabria. Si ben en Galicia nunca se activaron dende a declaración do LESPRE, polo que non existe un protocolo de autorización da Xunta, que deberá de ser desenvolvido de inmediato pola Consellería de Medio Ambiente, para atender situacións excepcionais como a destas explotacións.

Hai que ter en conta que en Galicia as poboacións de lobo non están en risco de conservación, habendo máis lobos en Galicia que en países da UE como Suecia, Finlandia, Portugal ou Francia. Asemade que no que vai de ano en Galicia, as denuncias por ataques de lobos e as baixas de gando aumentaron case que nun terzo con respecto da media dos anos anteriores.

Devanditos ataques non só son mais frecuentes, senón que cualitativamente son máis perigosos, ao darse incluso no interior das explotacións, no entorno das casas e afectando tamén aos cans de garda dos rabaños. É preciso actuar o máis axiña posible dende a administración, máis aló de limitarse ao pago das reses mortas con meses de retraso e con rexeitamentos das solicitudes de axudas, que en moitas zonas son superiores ao 20% dos expedientes presentados.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias