UUAA RECLAMA CAMBIAR O PDR PARA CUBRIR ÁS GRANXAS AFECTADAS POLA EHE

O PE debatirá o 17 de decembro as posibilidades dunha axuda con este fin

Santiago de Compostela, 07 de decembro de 2024 – Unións Agrarias pide unha reorientación dos fondos do PDR en Galicia para dar cobertura financeira ás explotación gandeiras afectadas pola enfermidade da lingua azul e da EHE que ven como a súa rendibilidade decae pola perda de animais como lucro cesante na súa conta de resultados.

A Comisión Europea presentou a súa proposta de modificación do Regulamento UE (2020/2220) que se debatirá e votará para a súa aprobación polo Parlamento Europeo o próximo 17 de decembro. Esta modificación prevé incluír nos Programas de Desenvolvemento Rural unha axuda temporal excepcional para os agricultores, silvicultores e pemes especialmente afectados por catástrofes naturais.

Isto permitirá que os Estados membros que recoñezan formalmente a afectación para conter unha enfermidade ou praga poidan incluír nos seus PDR unha nova medida de axuda temporal excepcional para compensarlles as perdas sufridas. O cal daría encaixe legal para compensar as perdas ocasionadas pola lingua azul e a EHE nas zonas máis afectadas, toda vez que a UE vén de incluir as enfermidades animais como elixibles dentro da Medida 23 e que serán consideradas como vencelladas ao Cambio Climático.

A EHE está a ter unha gran incidencia nas explotacións gandeiras, debido á expansión da enfermidade favorecida polas condicións climáticas suaves do ano 2024, que facilitou a propagación do virus a través do mosquito vector transmisor. Como resultado, este mal está a causar baixas directas no censo gandeiro, así como afectacións indirectas na fertilidade e produción de leite das gandeirias afectadas. Asemade existe alerta e preocupación cara a próxima campaña pola posible chegada e incidencia da lingua azul, dado que estivo moi presente este ano en Portugal e Comunidades Autónomas máis ao sur de España, como Extremadura.

Dado que son as Autonomías as que teñen a potestade de solicitar ou non a posta en marcha desta Medida, Unións Agrarias apoiará en todo caso a súa inclusión no último ano de execución do PDR de Galicia 2014-2022, xa que está de facto prolongado ata o 31/12/2025 pola aplicación da norma n+3 dos fondos FEADER da Unión Europea.

Esta modificación do PDR de Galicia, deberá de aprobarse en Galicia o máis tardar o 30.06.25 e igualmente abonar os pagos aos gandeiros afectados a máis tardar, o 31.12.2025.

A axuda consistirá nun pago directo por explotación afectada, na que se producirá cando menos unha perda do 30% do seu potencial de produción, cun tope máximo de 42.000 euros. E irá financiada polo FEADER ao 100%, polo que nin o Estado nin a Xunta de Galicia terían que facer aportacións adicionais de cofinanciamento da Medida.

Dado que a modificación do PDR consiste na reprogramación de fondos, non haberá fondos adicionais de Bruxelas, senón que se terá que conformar unha partida orzamentaria a partires dos remanentes do PDR de Galicia 2014-2022 que quedan ainda sen executar.

A fin de encaixar os tempos, o PDR de Galicia tería que ser modificado polo procedemento de Urxencia nos vindeiros meses.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias