UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA NOVAS SOLUCIÓNS PARA UNHA XESTIÓN EFECTIVA DO XABARIL

A organización reclama unha mesa de traballo con Xunta e colectivos cinexéticos para analizar, deseñar e poñer en marcha medidas que permitan poñer couto aos danos

Unións Agrarias propón a creación dunha mesa de traballo na que Xunta de Galicia, sector produtor, tecores e sociedades de caza analicen e implementen novas medidas para atallar a crecente problemática do xabaril. A organización xa ten elaborado un plan piloto que avoga, entre outras cousas, polo emprego de xaulas para a captura de exemplares en zonas de cultivo; e insta ao goberno galego a actuar con responsabilidade ante unha problemática cuxos danos exceden con moito o orzamento público destinado a facerlles fronte.

O xabaril xa non é simplemente un problema de agricultores e gandeiros; afecta á seguridade vial, con incursións cada vez máis frecuente en núcleos urbanos ou mesmo na autoestrada AP9; e supón unha ameaza sanitaria para a cabana gandeira que non pode ser obviada. Se no 2016 estes animais eran a causa de tres accidentes de tráfico ao día en 2024 esa cifra aumentou ata os dez diarios: máis de 3.600 sinistros ao ano. Mentres que os avisos por danos na agricultura pasaron de 3.100 a 4.100 nos últimos cinco anos. Datos que sen dúbida son “claros indicadores de que algo se está a facer mal”. Ademais, Unións Agrarias lembra a ameaza sanitaria que a fauna salvaxe descontrolada supón no que ten que ver coa posible transmisión ao gando de doenzas agora controladas, como a brucelose, a tuberculose bovina ou mesmo a peste porcina.

Unións Agrarias pregúntase que é o que ten que pasar ou ata onde temos que chegar para que a administración acepte que o modelo de xestión actual non é suficiente. A organización entende que o gran traballo que están a desempañar tecores e sociedades de caza, indispensables no control desta problemática, non abonda. “O papel da caza social na xestión do xabaril é fundamental, pero non chega. Polo que é necesario analizar que é o que falla e que métodos complementarios podemos desenvolver”.

Unións Agrarias lembra que os 1,4 millóns de euros que a Xunta destina a subvencionar os danos do xabaril nos cultivos apenas cubren o 10% dos destrozos. Así as cousas, a organización reclama a revisión urxente dunhas contías totalmente insuficientes, que actualmente sitúan nos 1.750 euros por hectárea ata un máximo no 2.750 € a contía que un agricultor afectado pode percibir da administración como compensación polos destrozos destes animais.

A organización ve imprescindible acometer un control poboacional e de puntos críticos efectivo e urxente, e avoga por desenvolver sistemas complementarios á caza, como o uso de xaulas de grandes dimensións que permitan capturar grupos de animais nas zonas de cultivo. Igualmente, Unións pon sobre a mesa a necesidade de traballar na implementación de novos sistemas que impidan o acceso de animais á rede viaria e reduzan o número de accicentes de tráfico; e bota a ollada cara a Cataluña, onde o emprego de novas tecnoloxías, intelixencia artificial e sensores para enviar avisos aos condutores ante a proximidade de animais á calzada está a dar bos resultados.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias