Santiago, 19 de febreiro de 2025.- A organización Unións Agrarias valora como positiva a nova norma de calidade do mel, pero agarda que se dean máis pasos para conseguir unha comercialización máis transparente que redunde nunha maior protección das 4.863 explotacións apícolas que resisten en Galicia.
A organización valorou de maneira moi positiva o Real Decreto polo que se modifica a norma de calidade do mel que aprobou o Consello de Ministros o pasado 4 de febreiro e que será publicado no BOE ao longo deste mes. A norma parte da modificación dunha Directiva da Unión Europea, que obriga a incluír na etiquetaxe a indicación da porcentaxe que representa cada un dos países de orixe do mel no caso de mestura de meles.
Ademais, esa Directiva e o RD aprobado garantirá que o produto que chegue ao consumidor non fose desprovisto das substancias ou ingredientes naturais característicos do mel, eliminando ademais o concepto de “mel filtrado”, e establecendo que o mel ao que se retirou unha parte importante do pole sexa considerada mel para uso industrial, non podendo considerarse comercializada directamente ao consumidor final. Con todo, este Real Decreto, por obrigación da Directiva comunitaria, non entrará en vigor ata o 14 de xuño de 2026 debido ao período establecido para a súa adaptación.
En Galicia prodúcense arredor de 2.700.000 Kg. (12,2% na Coruña, 32,1% en Lugo, 42,5% en Ourense e 13,2% en Pontevedra), repartido en 231.691 colmeas. Porén resulta moi baixo o volume de produción amparado xa que, segundo o AGACAL, no ano 2023 a IXP Mel de Galicia contaba con 254 apicultores, 43.951 colmeas, 40 envasadores e 168.517 Kg comercializados por un valor de 1,52M€. Unha ratio que indica que só o 6,3% da produción de mel de Galicia está amparada pola IXP e polo tanto do valor engadido do selo de calidade. Urxe polo tanto desde os organismos e administracións galegas unha maior labor de captación e promoción de produtores cara unha maior homoxenización da calidade para unha presencia máis decidida nos lineais comerciais.
Aínda que os problemas que soporta o sector apícola son numerosos (rendibilidade, control de fraudes, sanitarios, cambio climático, invasores, etc.), a organización insiste na necesidade de traballar en favor da apicultura profesional e ante as administracións co obxectivo de lograr unha apicultura rendible e cuxas funcións económicas, sociais e ambientais sexan valoradas polo conxunto da sociedade.