Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025.- Unións Agrarias mantén a súa presenza na nova Executiva Federal aprobada no 11º Congreso Federal que a Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos UPA ven de celebrar en Madrid.
A organización galega mantén os seus 4 representantes no goberno da UPA, ao que neste mandato se incorporan dende Galicia dúas caras novas.
Félix Porto, secretario de Coordinación Sectorial e Área externa de UUAA, compatibiliza dende este momento ese cargo co de secretario executivo da UPA, substituíndo así a Roberto García no órgano federal.
Na secretaría de Gandería da Unión de Pequenos Agricultores o ourensán Xosé Ramón González, ata agora responsable de Producións Extensivas de Unións Agrarias, toma o relevo de Román Santalla, que abandona a Executiva Federal da UPA.
Manteñen as responsabilidades Montse Cortiñas, como Vicesecretaria Xeral de UPA, e Teresa López como secretaria de Administración e Presidenta de FADEMUR, (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais).