Santiago 11 de febreiro de 2025.- Unións Agrarias-UPA logra, logo de meses de negociación co Ministerio de Agricultura, que se flexibilicen os requisitos de adaptación ás novas esixencias de ocupación das granxas. A organización valora positivamente o acordo acadado, grazas ao que se terán en conta novos parámetros que alivian a presión sobre as explotacións porcinas.
Unións Agrarias considera a modificación do RD 159/2023 sobre benestar en porcino anunciada polo Ministerio como un logro. E é que a flexibilización desa norma é unha das demandas que a organización viña demandando nas negociacións mantidas a raíz do seu acordo de 43 medidas co Ministerio de Agricultura.
De acordo co anuncio realizado polo goberno central, os gandeiros terán máis tempo –ata tres anos desde 2023– para adaptarse ás novas esixencias que se aplicarán ás granxas e teranse en conta novos parámetros, ademais da superficie dispoñible para os animais.
A organización agraria leva meses traballando intensamente, xunto ao resto de organizacións da produción porcina, para que o Ministerio de Agricultura coñeza a problemática que enfrontan as granxas de porcino e protexa especialmente ás de pequena e mediana dimensión e de carácter familiar.
UUAA reafirma o seu compromiso co benestar animal, un reto ao que non debemos renunciar como sociedade nin como sector, e que Galicia debe facer compatible coa rendibilidade das granxas.
Os produtores traballaron con Agricultura para definir os parámetros que se terán en conta para non obrigar ás granxas para reducir a súa capacidade produtiva, co consecuente impacto económico que podería conlevar. O porcino é un sector de enorme importancia para o medio rural galego xa que conta con case 96.000 prazas de reprodutoras e 1.161.792 prazas de cebo en explotacións de porcino industrial. O censo de animais é de preto de 1,7 millóns dos cales 795.000 son de cebo (máis de 50 Kg de peso vivo) e 530.000 leitóns (ata 20 Kg peso vivo).