Dous meses despois do inicio da campaña “Prezo xusto xa. O leite galego é de primeira” Unións Agrarias volveu incidir hoxe na necesidade de que as industrias abandonen a súa estratexia de forzar prezos á baixa e aumenten as contías que abonan ás explotacións galegas. A pesar dos esforzos realizados, a organización agrogandeira lamenta que ata o de agora as lácteas continúen a pór sobre a mesa ofertas de renovación de contratos á baixa ou, no mellor dos casos, idénticas ás anteriores. Unha situación incomprensible que non se sustenta sobre razón de mercado algunha.
Unións Agrarias denunciou hoxe en Lalín a existencia dun diferencial de prezo inxustificable entre Galicia e o resto de España. Unha situación intolerable, máis aínda habida conta de que se trata da Comunidade que produce o maior volume de leite do estado.
Unións Agrarias lembra que a pesar de que os datos oficiais falan dun diferencial de dous céntimos respectos ás demais Comunidades, a realidade é que cando estraemos os datos galegos da media estatal a diferenza acada os catro céntimos.
Unións Agrarias entende que o prezo do leite na Comunidade que produce o 42% do total de España e cunha calidade superior á media debera, por forza, ser maior. Nese senso, a organización lembra que os maiores índices de graxa e proteína que aporta o leite galego supoñen un aumento das ganancias que as industrias perciben por esa produción.
Unións Agrarias lembra que o diferencial que as ganderías galegas perciben polo leite que producen supuxo que o sector deixara de ingresar 127 millóns de euros o ano pasado, 14,5 deles na provincia de Pontevedra. Unha situación que se da mentres o resto de países europeos foron aumentando esas tarifas, “o que demostra que a situación do mercado lácteo é boa e dá a razón á organización”. Nesa liña, Unións Agrarias lembra que as cotizacións da manteiga se atopan en máximos históricos e que o consumo de iogures e queixos ten aumentado. “E sen embargo aquí as industrias volven con ofertas á baixa”.
“Hai razóns máis que de sobra para subir o prezo do leite”, destaca a organización, que insta á Xunta de Galicia a facer os deberes para que o sector poida contar con garantías de cumprimento da Lei de Cadea. Unións Agrarias lembra a necesidade de que a administración autonómica actualice de xeito urxente o
Observatorio de Custos de xeito que se convirta nunha ferramenta útil e efectiva que marque liñas vermellas e sirva de referencia na negociación dos prezos do leite. Igualmente, insiste na urxencia de impulsar de forma decidida a AICA galega, dotándoa de persoal e recursos suficientes para que poida actuar de maneira inmediata e autónoma. E na necesidade de condicionar as axudas públicas ao cumprimento da lexislación vixente, vetando o acceso ás mesmas ás industrias que non cumpran as súas obrigas no marco da Lei de Cadea.
Asimesmo, a organización agrogandeiera incide na importancia de implementar a figura do observador, esencial para garantir o cumprimento de Lei de Cadea e a transparencia nas negociacións entre organizacións de produtores e industrias.
Unións Agrarias tamén pon deberes ao goberno do estado, que debe modificar a Lei de Cadea Alimentaria para aportar unha maior cobertura aos dereitos dos produtores. Nesa liña, a organización entende que é necesario eliminar a necesidade de achega de proba por parte do denunciante no caso de incumprimentos e rematar coa indefensión que provoca o descoñecemento da evolución da denuncia efectuada ao non ter acceso aos argumentos e documentación achegados polas industrias e mermando a capacidade de rebatelos.
Unións Agrarias tamén reclama modificacións para rematar coas malas prácticas por parte dos primeiros compradores, que actualmente ignoran o marco vixente e a súa obriga de negociar colectivamente prezos a través das organizacións de produtores. Así, a organización avoga pola creación dun Rexistro público de produtores integrados en OPs e por dotar a estas organizacións de ferramentas máis efectivas para a negociación, como a posibilidade de prorrogar contratos no caso de non chegar a acordos e contar con ferramentas como a figura do mediador e o uso de indicadores de referencia obxectivos
pactados entre as partes para a elaboración dos prezos.