UNIÓNS AGRARIAS AVOGA POR UNHA XESTIÓN DO LOBO REALISTA QUE GARANTA A CONVIVENCIA DESTA ESPECIE COA GANDERÍA

Confia en que a eliminación do LESPRE que se votará mañá no Congreso saia adiante

Santiago, 19 de marzo de 2025.- Unións Agrarias está á expectativa do resultado da votación da “Lei de desperdicio alimentario” que terá lugar mañá no Congreso dos Deputados, e que inclúe unha enmenda aprobada no Senado por PP, Junts e PNV, que propón a eliminación do lobo do catálogo LESPRE como “especie estritamente protexida” ao norte do río Douro; estatus de protección do que esta especie goza dende a modificación do LESPRE no ano 2021.

De saír adiante a medida que este xoves votará o pleno do Congreso, o lobo pasaría a considerarse simplemente como especie “protexida”, o que abriría a porta á posibilidade da caza controlada, aínda que sempre sometida a Plans de Xestión que garantan, con criterios científicos e técnicos, que os exemplares abatidos non comprometan a viabilidade das poboacións de lobo nin as poñan en situación de risco.

De saír adiante a votación de mañá, que en principio conta coa aritmética parlamentaria ao seu favor, sería posible autorizar a caza como ferramenta de xestión das poboacións e danos do lobo en comunidades como Galicia, Asturias, Cantabria e Castela León, e non unicamente como un procedemento totalmente excepcional, tal e como ata o de agora consideraba o LESPRE.

Cabe lembrar que a xestión do lobo en Galicia nunca recaeu sobre a caza, pois o último lobo cazado nunha batida autorizada en Galicia foi no ano 2013. Pola contra, esa xestión veu pivotando sobre o sistema de axudas para facer fronte aos danos do lobo e implementar medidas preventivas. Aínda así, Unións Agrarias sempre defendeu que a caza ten que ser unha das ferramentas dispoñibles para xestionar problemas puntuais que poidan darse na convivencia do lobo co rural, como casos de acoso das mandas a determinadas explotacións gandeiras, exemplares especialmente agresivos co gando doméstico ou en zonas con ataques reiterados na contorna das casas.

Cabe lembrar que ata o de agora, e a pesares de continuas declaracións denunciando a inclusión do lobo no LESPRE, a Consellería de Medio Ambiente negouse sequera a considerar a posibilidade de autorizar as solicitudes extraordinarias de control de lobo previstas no LESPRE mesmo cando se deron importantes problemas de convivencia, como os denunciados por explotacións gandeiras do Pino a finais de 2024, con ataques rexistrados dentro dos establos de ordeño, mortes reiteradas cans de garda e mortes de gando menor nas propias eiras das casas. Medidas extraordinarias que están a implementar outras Comunidades, como Cantabria.

Unións Agrarias, ao igual que a Xunta de Galicia, recurriu vía xudicial a inclusión do lobo no LESPRE por considerar, na mesma liña que agora amosan O Comité de Berna, a Comisión Europea, e esta iniciativa que se votará no Congreso dos Deputados, que a protección estricta non estaba a ter en conta as necesidades de xestión das rexións da UE, como Galicia, onde o lobo non está en perigo de extinción.

Por último Unións Agrarias reitera que ninguén no rural galego avoga pola persecución deste animal nin polo seu exterminio, senón por medidas realistas de xestión que permitan asegurar a convivencia das poboacións abundantes de lobos en Galicia, que de ningún xeito están en perigo de extinción, coa gandeiría e a supervivencia de especies ameazadas de desaparición en moitas zonas de Galicia, como o cabalo de monte. Sendo a posibilidade de actuar mediante caza regulada sobre mandas, ou exemplares problemáticos un factor fundamental para ordear a convivencia do lobo e a actividade gandeira no rural galego, como mellor forma de garantir a conservación do lobo cara o futuro.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias