UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA PREMURA Á XUNTA PARA QUE A COLLEITA EN VERDE SEXA VIABLE PARA OS VITICULTORES DA RIBEIRA SACRA

Reclama orzamento e un plan de acción global para enfrontar con eficacia os retos que enfronta a viticultura

Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta actúe con premura e habilite canto antes a orde para que os viticultores da Ribeira Sacra poidan acollerse á colleita en verde. A organización lembra a necesidade de actuar con rapidez e con tempo suficiente para que na próxima vendima non volvan repetirse os problemas de acumulación de stock que levan xa dúas tempadas dificultando a venda da uva desa denominación de orixe. Unha situación derivada dun problema estrutural de caída do consumo de tintos para o que a organización agrogandeira insta a buscar solucións tamén a longo prazo.

O goberno central xa habilitou unha partida de 19 millóns de euros para que as Comunidades que o precisen se acollan á colleita en verde. Unha medida que xa o ano pasado Unións Agrarias apuntaba para solventar no curto prazo o problema de venda de uva que estaba a darse na Ribeira Sacra. Porén, agora é a Xunta de Galicia quen debe lanzar a convocatoria para que os viticultores poidan beneficiarse da mesma; algo que Unións Agrarias anima a facer coa maior rapidez posible.

A organización lembra que, neste momento, son varios os retos que enfronta a viticultura galega. Se ben é certo que o prestixio e a boa saída dos brancos galegos fai que a actividade goce en xeral de boa saúde, non é menos certo que a caída do consumo de tintos supón un problema grave, especialmente para unha denominación de orixe coma a Ribeira Sacra, centrada na elaboración destes viños. Unha crise global á que hai que sumar a incerteza que o sector enfronta debido ao anuncio de aranceis por parte dos Estados Unidos; así como aos cambios de hábitos que sen dúbida virán da man do anuncio do Goberno de baixar a taxa de alcolemia permitida ao volante.

Así as cousas, Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta actúe e se poña a traballar para que nin un só viticultor quede no camiño. A organización insta ao goberno galego a poñer en marcha unha mesa de traballo na que abordar con rigor a situación, os problemas e as necesidades globlais do sector; pero tamén a poñer enriba da mesa o orzamento preciso para implementar as solucións necesarias.

Apertura de novos mercados, reconversión de viñedos, introdución de novas variedades… As posibilidades para facer fronte á crise actual son variadas, e Unións Agrarias insta á Xunta a valoralas e a colaborar para impulsalas, da man de adegas e viticultores.

A organización tamén lembra a ameaza que supón a flavescencia dourada; unha doenza que se aproxima dende o sur e ante a que Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar nunha tripla dirección: facendo controis mais esixentes de certificación fitopatolóxica nos viveiros que aportan novas cepas ás explotacións para evitar a entrada de plantas infectadas; afondando na campaña de información a todos os elos da cadea vitivinícola para que teñan un coñecemento claro de como actuar ante unha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais para a vide; e tratando de controlar mediante trampeos e eliminación de cepas nas parcelas ermas a actividade do insecto transmisor.

Unións Agrarias lembra o perigo que supoñen estas fincas abandonadas, que poden converterse nun reservóreo da doenza especialmente perigoso coa chegada daprimavera; polo que reclama da Xunta orzamento e un protocolo de actuación urxente.

O Scaphoideus littoralis, un pequeno insecto da familia dos cicadélidos, é o responsable da transmisión da flavescencia dourada polo que, alén da aplicación de tratamentos fitosanitarios para combatilo, a eliminación das cepas afectadas supón unha parte fundamental da metodoloxía a aplicar.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias