Unións Agrarias porá en coñecemento da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e da AICA o prezo inferior que as industrias lácteas impoñen ás granxas de menores dimensións. Con este anuncio a organización pon o peche á campaña iniciada hai tres meses co obxectivo de denunciar os abusos das industrias e conseguir prezos xustos para o leite galego na renovación de contratos. Unha iniciativa que ten valido para visibilizar o diferencial de 4 céntimos que separa ás ganderías galegas das do resto do estado; así como os prezos inferiores que as lácteas impoñen ás explotacións menos produtivas de xeito totalmente arbitrario; pero que ata o de agora non ten conseguido reverter uns abusos ante os que, agora, a organización insta a actuar aos organismos competentes.
Vista a nula vontade das industrias lácteas de avanzar cara a unhas relacións máis xustas co sector produtor, Unións Agrarias reclamará a intervención da CNMC e da AICA. A organización lamenta que, a pesar das peticións de intervención lanzadas á Xunta nas últimas semanas, ata o de agora o goberno galego non teña tomado medidas nin teña mediado para tentar correxir unha situación que ameaza con levar ao peche ao 65% das granxas de leite galegas: as pequenas explotacións familiares ás que a industria penaliza con prezos ata 10 céntimos inferiores por teren unha menor capacidade produtiva. “Entendemos que está habendo unha competencia desleal e un abuso de posición dominante, e consideramos que hai base legal máis que suficiente para que tanto a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencial como a administración e a AICA estatal e a galega interveñan”, salienta a organización.
Igual que acontece co diferencial de prezo que separa ás explotacións galegas das do resto do estado, as baixas tarifas que as industrias impoñen ás explotacións máis pequenas carece de xustificación. Unións Agrarias destaca que os gastos loxísticos supostamente maiores que as industrias lácteas din asumir para realizar a recollida nas granxas con producións menores están moi lonxe dos prezos que estas pretenden impoñer. Un argumento carente de veracidade co que as indutrias forzan aínda máis á baixa os prezos que abonan aos produtores galegos.
Así as cousas, Unións Agrarias creará grupos territorias dentro da organización de produtores Ulega para negociar colectivamente as entregas das explotacións menos produtivas. Un xeito de evitar as imposicións das industrias e frear esa penalización que ameza a rendabilidade e as posibilidades de continuidade e relevo na meirande parte das granxas galegas.
Unións Agrarias lembra que as ofertas de renovación de contratos que están a chegar aos produtores e produtoras de leite galegos non só continúan perpetrando ese inxustificable diferencial de prezos, senón que inclúen outros incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria, como o relativo á duración dos mesmos. Así, mentres que a lexislación fixa nun ano a duración mínima deses contratos, a maior parte das ofertas que neste momento están sobre a mesa sitúanse nos catro meses, con algunhas excepcións que chegan aos 9. Unha práctica abusiva e contraria á legalidade que a organización agrogandeira tamén denunciará.
“Prezos xustos xa, o leite galego é de primeira”, púxose en marcha co obxectivo de rematar co diferencial existente entre o prezo do leite en Galicia e o do resto do estado; contaxiar ao sector galego da revalorización que está a darse a nivel europeo; e facer da negociación colectiva o xeito habitual de relación entre industrias e sector produtor. Obxectivos polos que Unións Agrarias seguirá traballando.
Unións Agrarias entende que o prezo do leite na Comunidade que produce o 42% do total de España e cunha calidade superior á media debera, por forza, ser maior. Nese senso, a organización lembra que os maiores índices de graxa e proteína que aporta o leite galego supoñen un aumento das ganancias que as industrias perciben por esa produción.
Unións Agrarias lembra que o diferencial que as ganderías galegas perciben polo leite que producen supuxo que o sector deixara de ingresar 127 millóns de euros o ano pasado. Unha situación que se da mentres o resto de países europeos foron aumentando esas tarifas, “o que demostra que a situación do mercado lácteo é boa e dá a razón á organización”. Nesa liña, Unións Agrarias lembra que as cotizacións da manteiga se atopan en máximos históricos e que o consumo de iogures e queixos ten aumentado. “E sen embargo aquí as industrias volven con ofertas á baixa”.
“Hai razóns máis que de sobra para subir o prezo do leite”, destaca a organización, que insta á Xunta de Galicia a facer os deberes para que o sector poida contar con garantías de cumprimento da Lei de Cadea. Nese senso, Unións Agrarias anima ao goberno galego a apostar pola discriminación positiva e incentivar as boas prácticas premiando ás industrias que cumpren no reparto de cartos públicos.