Unións Agrarias lamenta o escaso prazo habilitado pola Consellería para a tramitación tanto das axudas para reestruturación e reconversión de viña como para as correspondentes á vendima en verde. A organización critica os axustados tempos dunhas convocatorias que suporán serias dificultades de acceso. Pero tamén o seu enfoque claramente sesgado, que prioriza ao sector industrial fronte aos pequenos produtores.
Unións Agrarias lamenta que, logo de meses instando á Consellería a habilitar solucións para os problemas de acumulación de stock de uva tinta que están a darse, principalmente na DO Ribeira Sacra, Medio Rural chegue tarde e con présa. “Estamos ante unha orde que non foi consensuada co sector e na cal apreciamos eivas importantes”, destaca a organización, que non entende que a administración dea apenas 15 días naturais aos interesados para solicitar as axudas para a vendima en verde.
Unións Agrarias entende que os axustadísimos tempos que impón a convocatoria suporán un serio reto para os produtores interesados en acollerse a ela; e ponse a disposición de todos aqueles que precisen axuda para realizar o trámite en tempo e forma e evitar así perdas de uva e posibles abandonos.
Pero non é este o único problema que se aprecia nunha orde de axudas que concede contías maiores polo mesmo traballo ás adegas que aos pequenos viticultores. “Non queremos crer que o axustado dos tempos da convocatoria responda a un consenso previo con algunha adega, pero non se entende que se valore máis o feito de que unha adega teña que cortar uva que o feito de que un pequeno produtor faga o mesmo”.
Na mesma liña, Unións Agrarias lamenta os 15 días que Medio Rural dá aos interesados en acceder ás axudas para reestruturación e reconversión de viña publicadas hoxe. Un prazo moi escaso para unha orde de enorme importancia para o sector, pois condiciona actuacións de tanto calado como a posibilidade de realizar cambios varietais ou inxertos.
Así as cousas, Unións Agrarias insta a Medio Rural a ampliar cando menos ata o 30 de abril, o máximo que permite a normativa vixente, o prazo de solicitude para acceder a estas axudas. “Sería inadmisible que quedase xente fóra por falla de tempo para realizar a tramitación. Pero tamén que por falla de orzamento”, destaca a organización, que insta á Consellería a actuar con responsabilidade e flexibilidade para que as achegas poidan chegar a todos os produtores que precisen delas.
Unións Agrarias tamén fai un chamamento ao diálogo e insta ao goberno galego a traballar da man do sector para buscar solucións ás problemáticas que este enfronta e a convocar sen demora as Mesas do Viño.