UUAA SOLICITA A MEDIO AMBIENTE MEDIDAS DE CONTROL DO LOBO NO CONCELLO DO PINO QUE ALIVIEN A PRESIÓN SOBRE AS EXPLOTACIÓNS

A organización faise eco das queixas dos gandeiros que alertan dos constantes ataques a gando na zona

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025 – Tras a publicación no DOG deste 11 de abril, da Resolución da Consellería de Medio Ambiente, que recoñece de novo ao lobo como especie fronte á que se poden autorizar medidas de control por danos á gandaría, tales como esperas, batidas e monterías, Unións Agrarias vén de solicitar formalmente a esta Consellería a activación urxente das medidas de control sobre o lobo no Concello de O Pino.

Esta resolución foi posible grazas á recente modificación da normativa estatal que elimina as poboacións de lobo ao norte do Douro do Catálogo LESPRE e permite retomar a súa xestión como especie cinexética, o que posibilita a súa caza dentro dun sistema regulado e supervisado con criterios científicos e técnicos. Isto garante que as intervencións non comprometerán a viabilidade da especie. A medida aliñase coas directrices da Comisión Europea, que buscan compatibilizar a conservación do lobo coa xestión dos desafíos que a súa expansión supón para o medio rural e a gandaría en Europa.

A organización agraria, que leva facéndose eco dos gandeiros alertando dos constantes ataques a gando na zona e da inacción administrativa, lembra que a anterior inclusión do lobo no LESPRE —que Unións Agrarias recorreu en vía contencioso-administrativa— dificultaba calquera actuación, mesmo aquelas previstas de forma excepcional na propia normativa estatal. De feito, nos últimos anos, Unións Agrarias reclamou sen éxito que Medio Ambiente autorizase intervencións extraordinarias de caza previstas no LESPRE en zonas como O Pino ou a Mariña lucense. A Consellería, con todo, negouse sistematicamente, preferindo aforrarse longos procedementos administrativos e optando polo politiqueo co Ministerio.

Unións Agrarias, tal e como recolle a resolución publicada hoxe, comparte o criterio de que o lobo debe ser unha especie non cinexética en Galicia, agás en casos excepcionais xustificados por danos reiterados ao gando. Esta postura garante a protección efectiva da especie —que en Galicia, lonxe de estar en perigo de extinción, está en expansión— ao tempo que permite dar resposta ás explotacións que, malia aplicar medidas preventivas, sofren ataques recorrentes e están ao límite da súa viabilidade, e medidas activas nas zonas nas que a presión crecente do lobo en expansión, está abocando á práctica extinción do cabalo do país. Así mesmo, permitiría actuar en casos de risco para as persoas, nos contornos habitados onde o lobo penetra matando gando doméstico e cans nas propias portas das casas.

A nova Resolución publicada no DOG permite retomar o modelo de xestión previo ao ano 2021 e autoriza accións puntuais de control cinexético como esperas, batidas e monterías, salvo nos meses de abril, maio e xuño, nos que só se poderán permitir esperas.

Non obstante, Unións Agrarias considera que o actual Plan de xestión do lobo en Galicia está obsoleto e urxe unha revisión. Por insta á Consellería de Medio Ambiente a convocatoria dunha mesa de traballo con participación das organizacións agrarias e do sector cinexético, co obxectivo de definir un novo marco de xestión do lobo adaptado á realidade do rural galego e ás directrices europeas de conservación e convivencia do lobo coa práctica da gandería extensiva.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias