UNIÓNS AGRARIAS LAMENTA QUE A XUNTA EXCLÚA AO SECTOR PRODUTOR DAS CONVERSAS SOBRE AS NOVAS POLÍTICAS ARANCELARIAS

A organización non entende que non se convocara aos representantes de agricultores gandeiros a unha xuntanza na que participaron máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e Consellos Reguladores

Santiago, 16 de abril de 2025.- Unións Agrarias lamenta o xiro dado pola Xunta de Galicia no que ás súas relacións co sector produtor galego se refire. A organización amosa o seu asombro ante a exclusión dos representantes de agricultores e gandeiros da xuntanza convocada polo goberno galego para abordar os efectos e posibles solucións ante as consecuencias das novas políticas arancelarias. Un encontro no que, xunto aos conselleiros de Economía e Industria, Medio Rural, Facenda e Administración Pública e Mar, participaron representantes de máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e Consellos Reguladores.

“A Xunta de Galicia debe pensar que as novas políticas arancelarias non van ter consecuencias para agricultores e gandeiros”, ironiza Unións Agrarias, que lamenta a estreitez de miras do goberno galego neste asunto.

A organización agrogandeira lamenta que a administración autonómica teña ignorado aos representantes do sector produtor, quitándolles voz e posibilidade de interlocución nun asunto que está moi lonxe de serlles alleo. Así as cousas, Unións Agrarias anima á Xunta de Galicia a cumprir co papel das organizacións agrogandeiras e a poñer couto aos posibles intentos de adegas e outras empresas agroalimentarias de repercutir a situación nas contas do elo máis baixo da cadea.

Unións Agrarias celebra o orzamento que a Xunta de Galicia ven de poñer sobre a mesa para axudar ás empresas a enfrontar o novo escenario que se abre trala suba de aranceis anunciada polos Estados Unidos. Unha actitude que, agarda, o goberno galego traslade tamén ao sector produtor á hora de prestarlle os apoios precisos para impulsar as accións necesarias para enfrontar as consecuencias desta crise, ou reconducir a situación derivada dos cambios de hábitos no consumo de viños que levan xa dous anos lastrando as vendas de uva tinta. Así as cousas, a organización anima á titular de Medio Rural a seguir o exemplo da súa homóloga de Economía e Industria, que trala xuntanza deste luns avogaba por traballar man a man cos sectores para que trasladen cales son as súas necesidades. “Está moi ben que se atendan as necesidades das empresas, pero tamén estaría ben que a Xunta de Galicia lembrara que detrás de cada empresa do sector agroalimentario se atopan centos de pequenos agricultores e gandeiros que non poden ser obviados nin excluídos”.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias