Unións Agrarias lamenta o desleixo da Xunta no que ten que ver cos problema que afectan á viticultura galega. A organización non entende que, tras máis dun ano alertando da situación que afecta aos produtores de uva tinta debido á caída do consumo e a acumulación de stock nas adegas, principalmente da Ribeira Sacra, o goberno galego saia do paso cunha orde de axudas improvisada, non consensuada e que apenas deixa tempo aos interesados en acceder a ela para a súa tramitación.
A viticultura é un sector estratéxico para Ourense, con tres DOs ubicadas por completo no seu territorio e unha cuarta a cabalo entre esta provincia e a de Lugo. «Non podemos permitirnos o luxo de que desapareza un só viticultor, pois sabemos o que ven detrás do abandono, e o problema medioambiental e social que conleva». Así o asegura Unións Agrarias, que esixe unha resposta decidida e urxente aos problemas que enfronta o sector.
A organización lamenta que, en lugar de convocar a Mesa do Viño tal e como se ven demandando, a Xunta de Galicia saia do paso cunha orde de axudas con moitas eivas. «Temos a impresión de que as medidas que se toman son totalmente improvisadas», afirma Unións Agrarias, que considera que «a Consellería non está a facer o seu traballo, deixando de lado ao sector ante unha situación que precisa de traballo e solucións».
Unións Agrarias lembra que, mentres que outras Comunidades Autónomas levan anos con medidas como a destilación de crise ou a vendima en verde enriba da mesa, ata agora o goberno galego unicamente puxo en marcha a destilación de crise o ano pasado, «con moi pouco éxito dadas as condicións da orde». «Este ano impulsan a colleita en verde, 600.000 € que poden solicitar tanto os produtores de uva tinta da Ribeira Sacra como os do Ribeiro. Pero trátase dunha orde elaborada sin ningún tipo de negociación nin diálogo co sector produtor, que deixa apenas 15 días de prazo para a presentación de solicitudes e moi sesgada cara o sector industrial. Non se entende que se pague máis polas uvas se é unha adega quen ten que cortalas que se é un pequeno produtor o que ten que facelo”, explica a organización; que lamenta que «a pesar de todos os intentos que levamos feito e as solicitudes de traballo conxunto a Consellería dá largas e non convoca a Mesa do Viño, e así saen as cousas», lamenta a organización.
Unións Agrarias non entende que Medio Rural siga deixando pasar o tempo sen tender a man ao sector e sen trazar un plan a medio e longo prazo cando xa o ano pasado 250 viticultores da Ribeira Sacra quedaron sen que lles recollesen a uva.
Máis de 3.000 familias de Ourense viven da viticultura e xestionan 4.500 hectáreas de viñedo nunha provincia na que existen unhas 200 adegas. Un sector imprescindible que fixa poboación e impulsa o tecido socioeconómico, creando emprego tanto directo como indirecto, vinculado ao turismo.
Unións Agrarias tamén insta á administración a traballar para identificar os propietarios de viñas abandonadas e actuar para evitar que eses terreos se convirtan nun reservóreo que aumente o contaxio da flavescencia dourada. Un problema que xa está a xerar gran preocupación no Ribeiro, onde xa hai presenza desta doenza, así como nalgúns concellos de Monterrei. «É importante que a Consellería se poña a traballar desde xa, realice charlas e accións de concienciación para que os viticultores actúen e saiban que facer».
No que ten que ver cos aranceis, Unións Agrarias alerta da posible saturación que pode sufrir o mercado estatal ante a imposibilidade de dar saída aos 4 millóns de litros que Glaicia exporta aos Estados Unidos. «Temos que facer do problema unha oportunidade, poñer en valor a calidade dos nosos viños, que demostran os numerosos premios que están recibindo, e conseguir que a viticultura non veña abaixo».
Anegamentos na Limia
Por outra banda, Unións Agrarias incidiu na necesidade de que as intensas choivas que este ano volveron afectar á comarca da Limia sexan tidas en conta no que ten que ver coa PAC e as dificultades que os produtores desta zona terán á hora de cumprir cos requisitos dos Eco-Reximes. Debido ás intensas precipitacións que afectaron á comarca nos últimos meses, a día de hoxe a meirande parte das terras de cultivo seguen anegadas pola auga. Unha situación que impide non só o acceso ás mesmas, senón o comezo da sementeira e que, por forza, condiciona os tempos de traballo.


