Silleda, 12 de maio de 2025.- Unións Agrarias insta ás partes implicadas no conflito que está a darse no mercado de gando de Silleda a actuar con cordura para poñer fin a un desencontro que non beneficia a ninguén. A organización lamenta os problemas que están a darse na poxa semanal e fai un chamamento para que as partes implicadas cheguen a un punto de entendemento.
“Non podemos permitir que se siga facendo dano aos intereses dos produtores debido á incapacidade dos implicados de chegar a acordos”, destaca a organización agrogandeira; que lembra que a paralización da subasta dá lugar a unha complicada tesitura que, en última instancia, provoca máis gastos e un aumento dos custos de produción para as explotacións.
Unións Agrarias apela ao sentido da responsabilidade e esixe que o diálogo entre a dirección da Central Agropecuaria de Galicia Abanca e os compradores que rexeitan a poxa dixital non demore máis.
Se a situación non se reconduce nas vindeiras horas, esta semana pasará sen que a cita semanal dos martes poida celebrarse. Un escenario totalmente indesexable ante o que Unións Agrarias se mantén expectante e insta aos implicados a limar asperezas e chegar a un punto de encontro que permita retomar canto antes a celebración da subasta.


