TERNERA GALLEGA DEBE REORDENAR CATEGORIAS CARA O MERCADO

UUAA pide a IXP subir a idade no sacrificio de becerros e diferenciar ós aleitados

Santiago 26 de maio de 2025.- A organización Unións Agrarias ven de remitir un escrito ao presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega no que se solicita unha modificación no regulamento do Consello Regulador para modificar a idade de sacrificio na categoría en Ternera Gallega Suprema pasando de 10 a 12 meses. Ademais, pídese que se abra unha nova categoría para becerros aleitados para aqueles xatos que se alimentan de leite materno ata o seu sacrificio ( antes dos 8 meses de idade) e que pasa estabulado polo menos tres meses da súa vida.

Con esta mellora Unións Agrarias pretende que os produtores de TG Suprema  poidan competir en mellores condicións, cun produto de maior calidade e en mercados de fora de Galicia. En paralelo trátase de incentivar que se certifiquen mais animais dentro da IXP para fortalecela fronte as ameazas que poidan vir de carne de terceiros países (sobre todo Mercosur), dada a situación de mercado na que o desequilibrio oferta/demanda está provocando que se estea certificando menos animais dentro da Indicación Xeográfica Protexida.

Para os produtores a creación dunha nova marca dentro da Ternera Gallega Suprema  coa indicación de aleitada permitira que moitos xatos que se están comercializando con idades en torno os 8 meses (25% animais de TGS) poidan acadar mellor prezo. Ademais existe a  posibilidade de poder exportar este tipo de canais a outros territorios do Estado onde este tipo de carne é moi apreciada.

UUAA destaca que para os gandeiros  a posibilidade de  deixar os animais ata os doce meses suponlles que poidan incrementar o peso, o engraxamento e a mellora das calidades organolépticas dos mesmos, e polo tanto a súa rendibilidade.

Pola súa banda as persoas consumidoras veranse beneficiadas ó poder dispor de maior variedade de carne, dende animais de menos de oito meses ata animais de menos de doce perfectamente diferenciados. Subir a idade de sacrificio da TGS ata os doce meses rompese o desequilibrio existente ente a TG Suprema e a TG convencional,  xa que esta última podía sacrificarse a esta idade.  Isto supoñía unha desvantaxe para os gandeiros de TG Suprema que tiñan que vender os seus animais antes dos dez meses, perdendo quilos e calidade polo menor engraxamento.

A modificación normativa proposta por Unións Agrarias estaría amparada pola normativa europea  e española, onde se inclúe Tenreira sacrificada antes dos oito meses (V) e dende os oito os doce meses  (Z).