UUAA ADVIRTE DA GRAVIDADE DA SUSPENSIÓN DOS CARNETS DE FITOSANITARIOS EN PLENA CAMPAÑA DE USO DOS TRATAMENTOS

A organización vai abrir cursos de xeito urxente para tratar de paliar a situación

Santiago, 23 de maio.- Unións Agrarias lamenta os importantes efectos que vai ter a anulación dos carnés de manipulador de fitosanitarios aos produtores afectados pola estafa desmantelada na chamada Operación Fito. Unha actuación que acabou por xulgar e condenar unha rede de concesión de carnés fraudulentos e que agora, coa execución da sentenza, deixa a 6.800 responsables de explotacións sen poder traballar nin adquirir tratamentos químicos en sectores de gran demanda como a viticultura, as forraxes, as explotacións pataqueiras, etc.

Como xa avanzara hai dous anos cando saíu a sentenza, Unións Agrarias reclamou da Dirección Xeral do AGACAL un plan de continxencia ante a situación que se aveciñaba e que desgraciadamente se confirmou. A día de hoxe o que se impón é solucionar de xeito urxente o problema abrindo necesariamente unha concesión transitoria ata pasar as campañas fortes de aplicación de fitosanitarios.

En paralelo, Unións Agrarias vai abrir de maneira inmediata cursos homologados de manipulador en toda a súa rede de oficinas de toda Galicia, e con especial axilidade nas comarcas con maior volume de agricultores e gandeiros afectados.

Desde a organización faise un chamamento a todos os produtores que o precisen para que se inscriban para tratar de atallar este problema o antes posible.