UNIÓNS AGRARIAS RECLAMA UNHA PAC MÁIS SINXELA E ADAPTADA Á REALIDADE GALEGA

Aposta por un eco-rexime que recoñeza e apoie o papel das explotacións como xestoras do territorio

Unións Agrarias denuncia a tremenda complexidade que a tramitación da PAC representa para o sector produtor galego. A pesar de que ano tras ano se fala da vontade de simplificar esta política, a realidade demostra que esta segue a ter un difícil encaixe coa realidade do campo galego. Motivo polo cal a organización agrogandeira, que nesta campaña tramitou un total de 4.250 solicitudes PAC, pon sobre a mesa a necesidade de realizar modificacións que garantan unha maior operatividade da mesma.

As 4.250 solicitudes PAC presentadas por Unións Agrarias na campaña que ven de pecharse o luns representan 103.000 hectáreas, 29.000 fotografías xeorreferenciadas e un total de 315.000 parcelas: 75 parcelas por explotación. Unha auténtica esaxeración que lastra e converte nun traballo titánico a presentación de solicitudes.

O rural galego conta cunhas peculiaridades específicas que a PAC debe recoñecer. Debido á estrutura da terra na nosa Comunidade, caracterizada polo minifundismo, o actual deseño da tramitación supón un traballo inxente que ademais leva ao contante colapso da plataforma informática que se emprega para o rexistro das solicitudes. Así as cousas, Unións Agrarias, que neste momento é a primeira organización agrogandeira en número de solicitudes PAC tramitadas, fai un chamamento para que se acometa unha simplicación real e se eliminen requisitos que nada aportan, alén de máis tempo dedicado a esta tarefa.

A organización lamenta o fracaso do eco-rexime de sega sustentable que, a pesar de ter sido especificamente creado para a cornixa cantábrica, apenas tivo acollida nesta campaña. Das 3.750 solicitudes tramitadas por Unións que incluíron algún eco-rexime (o 76% do total e o 80% da superficie total tramitada) só 106 optaron por este; sendo o de pastoreo extensivo e o de rotación de cultivos os de maior implantación no campo galego.

Así as cousas, Unións Agrarias solicita a articulacion dun eco-rexime que se adapte á realidade e ás necesidades da cornixa cantábrica, que permita fixar poboación, frear o peche de explotacións e o abandono e garantir e recoñecer o labor de xestión medioambiental que o sector produtor desempeña.

Unións Agrarias aposta polo mantemento dunha Política Agraria Común forte, con orzamento suficiente e común a todos os países europeos. A organización agrogandeira lembra a importancia que esta política supón: para o mantemento do sector produtor pero tamén para o consumo. Nese senso, lembra que a PAC non só permite compensar os baixos prezos percibidos por agricultores e gandeiros, senón que axuda a que as persoas consumidoras poidan acceder a alimentos seguros, sustentables e de calidade a prezos asequibles.