UNIÓNS AGRARIAS ALERTA DO NÚMERO DE AFECTADOS QUE QUEDAN FÓRA DAS AXUDAS POR EHE

A organización ponse a disposición de gandeiras e gandeiros para tramitar os recursos pertinentes e poder acceder ás achegas da Xunta

Santiago, 12 de xuño de 2025.- Unións Agrarias-UPA alerta do elevado número de afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) que en primeira instancia teñen quedado fóra das axudas da Xunta para compensar os danos provocados por esta doenza. A organización fai un chamamento para que a administración autonómica se faga cargo dunha situación derivada en moitos casos da falla de información á hora de realizar as solicitudes; e ponse a disposición dos afectados para axudarlles a tramitar os recursos que lles permitan acceder ás axudas.

Son moitos os gandeiros e gandeiras que, a pesar de ter lidiado nos últimos meses con casos de EHE nas súas explotacións, non aparecen no listado de beneficiarios de subvencións que hoxe publica o DOG. Unha situación que se produce debido ás informacións contraditorias e a confusión que nun primeiro momento se produciu en relación aos requisitos e trámites a cumprimentar para beneficiarse destas achegas.

Así as cousas, Unións Agrarias realiza unha chamada de alerta para que a situación non lle pase desapercibida á Xunta de Galicia. “É imprescindible que realicen unha revisión exhaustiva dos beneficiarios e que lle dean solución a un problema que en ningún caso é imputable aos produtores”, asevera a organización,  que resalta ademais que “resultaría absolutamente inadmisible que quedasen gandeiras e gandeiros sen cobrar a pesar de ter sufrido este problema”.