Unións Agrarias insta ás industrias a actuar con responsabilidade e a equiparar o prezo do leite en Galicia á media europea. A organización alerta dos cambios que están a darse nun contexto no que por primeira vez a produción láctea comeza a resentirse e a invertir a constante tendencia á alza que viña mantendo. Un cambio que se dá logo dun ano no que en Galicia pechou máis dunha explotación ao día: unha cada dous días no caso de Lugo, a provincia que produce case a metade do leite da Comunidade.
As presións exercidas por Unións Agrarias nos últimos meses xa teñen dado froitos, pois dende o comezo da campaña «Prezos xustos, o leite galego é de primeira» impulsada pola organización o diferencial existente entre o prezo do leite en Galicia e a media do estado reduciuse en 2 céntimos. Porén, é necesario seguir dando pasos para garantir a rendabilidade de todas as explotacións, independentemente das súas dimensións e do seu volume de produción. “Resulta totalmente inxustificable que as industrias estean a pagar máis de 9 céntimos menos ás granxas máis pequenas, deixando na estacada a miles de explotacións que non viron incrementado o prezo do leite nos últimos meses”. E é que se ben é certo que a media fala dun achegamento do prezo do leite en Galicia ao do conxunto do estado, a realidade é que o diferencial entre o prezo que as industrias abonan ás granxas máis produtivas e o que paga ás explotacións máis pequenas supera os 9 céntimos tras ter aumentado en máis de 3.
Para Unións Agrarias o obxectivo é claro: conseguir que os prezos do leite en Galicia se adapten ao contexto do mercado e se eleven ata acadar a media europea, actualmente situada nos 53 céntimos. Pero non só pois, tal e como lembra a organización, as medias son enganosas e o futuro do sector necesariamente pasa por non deixar ninguén atrás.
Aínda que o prezo medio do leite galego se sitúa a día de hoxe por enriba dos 48 céntimos, hai que lembrar que a maior parte das explotacións, as granxas familiares de menores dimensións e capacidade produtiva, continúan moi lonxe desa cantidade e máis aínda do prezo da Unión. Unha situación que, na práctica, está a forzar un regueiro constante e imparable de peches de granxas: 92 nos catro primeiros meses de 2025, e máis de unha ao día no último ano, exactamente 369, no conxunto da Comunidade. E 157 no caso da provincia de Lugo, responsable do 45% da produción láctea de Galicia (1,6 millóns de toneladas), e onde se ubican o 44% das granxas galegas. Así, con apenas 5.154 granxas de leite funcionando en Galicia, o sector comeza a resentirse cunha produción que ven de rexistrar unha caída do 0,77%. “Una datos insoportables que amosan unha tendencia que debemos parar”.
Unións agrarias lembra que nos últimos meses están a producirse incrementos no prezo da manteiga próximos ao 40%. Unha situación de mercado moi boa que está a reportar importantes beneficios ás industrias, e que debe repercutir tamén no sector produtor. “É necesario que na próxima renovación haxa uns contratos adaptados a esta realidade para que non só se beneficien as industrias. Os produtores precisan tamén deses beneficios para parar o peche continuo de explotacións”.
Eliminación do punto crioscópico
A organización entende que vincular o punto crioscópico ás primas de calidade do leite non ten razón de ser, e pedirá que se elimine dos contratos unha cláusula que considera nula de pleno dereito. Así, Unións Agrarias xa ten trasladado á FENIL esa solicitude, e a vindeira semana tentará que o tema se introduza tamén na orde do día do LIGAL. “Se o leite ten auga o leite ten que descalificarse, e se non a ten o punto crioscópico non pode converterse nun elemento de penalización. E se por estas vías non obtemos resultados recorreremos á vía xudicial para rematar cunha cláusula abusiva, que só serve para penalizar”.
Unións Agrarias lembra que as variacións do punto crioscópico escapan totalmente ao control das e dos gandeiros, pois dependen de factores externos tan variables como as condicións meteorolóxicas e para nada inflúen na calidade do leite. Un extremo que agarda a industria teña en conta para avanzar cara uns contratos máis xustos. “Cremos que ten que imperar a lóxica, e máis aínda debido ao momento no que estamos. Mentres que o sector produtor ten apostado por innovar e modernizarse, converténdose en punteiro a nivel mundial, a industria láctea non fixo os deberes, non valoriza o produto e non parece normal que pretendan seguir aumentando beneficios a costa do esforzo alleo”.
Unións Agrarias fai un chamamento para que a estabilidade e as melloras que piden para o sector produtor se trasladen a todos os elos da cadea. Nese senso lembra que contar cun marco contractual a 12 meses non só beneficia ás granxas, senón que tamén é favorable á hora de impulsar un marco de relacións máis estable e garantista entre industrias e distribución. “Imos ir da man coa industria para conseguir que todos teñamos estabilidade. Hai demasiados factores para que sigan desaparecendo explotacións, e non podemos permitirnos iso, polo que solicitaremos que se realicen as modificacións lexislativas necesarias”, asevera a organización agrogandeira.
Ademais, Unións Agrarias solicitará a mediación da Xunta nas negociacións para a renovación de contratos de agosto. “É necesario que haxa un mediador obxectivo que constate a realidade do que sucede: que o que temos enriba da mesa son contratos de adhesión. Atopámonos na peor das situacións, con contratos que a industria pon enriba da mesa e ou asinamos ou non nos recollen o leite”. Nese senso, a organización insta á administración autonómica a empregar todos os mecanismos ao seu alcance para rematar co diferencial de prezo que separa a Galicia do resto do estado e, máis aínda, co diferencial de 9 céntimos que existe entre as granxas pequenas e as grandes. “Por primeira vez Galicia non dá compensado a baixada de produción a nivel estatal. As explotacións máis grandes non están a ser capaces de cubrir a baixada de produción que está a producirse polo peche das granxas máis pequenas, e hai que frear esa tendencia”, lembra Unións Agrarias; que insta a introducir nos contratos cláusulas de variabilidade que liguen o prezo do leite a datos obxectivos de mercado. “Non facelo así é malo para os produtores e é malo para a industria, e sería bo que comezasen a actuar coa madurez necesaria para facer fronte á situación na que nos atopamos”, remarca a organización.


