Santiago, 30 de xuño de 2025.- Unións Agrarias-UPA alerta da redución da produción de leite que ameaza con marcar o devir do mercado lácteo nos vindeiros meses. As altas temperaturas que están a rexistrarse nas últimas semanas, anormalmente elevadas para esta época do ano, sen dúbida terán consecuencias para o volume da produción láctea. Unha situación que, co verán aínda arrincando, non se agarda vaia mudar proximamente; e que chega tras un arranque de ano no que, por primeira vez, as granxas galegas non teñen sido quen de manter o seu volume de entregas.
Entre xaneiro e marzo deste ano as explotacións galegas entregaron preto de 759.500 toneladas de leite. Unha cifra que supón unha caída do 0,78% respecto ao mesmo período do ano anterior e que representa todo un fito, pois é a primeira vez que o sector non só non mantén o seu volume de produción senón que o reduce.
A pesar do constante peche de explotacións que ven rexistrándose ano tras ano, o esforzo dos gandeiros galegos por modernizarse e aumentar a súa produtividade fixo que entre 2013 e 2023 a produción láctea medrase nun 20% na Comunidade. De feito, a tendencia á alza foi constante, unicamente rota por unha pequena redución rexistrada en 2022 a raíz dos efectos derivados da suba de custos e as consecuencias da pandemia e a guerra de Ucraína. Porén, con apenas 5.154 granxas de leite funcionando a día de hoxe en Galicia, o sector comeza a resentirse.
No ultimo ano en Galicia pechou algo máis dunha granxa ao día: 369; 92 nos catro primeiros meses de 2025. Con estes datos sobre a mesa, e sabendo das consecuencias que a calor ten para a cabana gandeira e a súa produtividade, preocupa o que virá nos vindeiros meses. Unha situación ante a que Unións Agrarias insta ás industrias a reflexionar e actuar con responsabilidade, garantindo prezos xustos equiparables aos do resto de Europa que poñan freo ao regueiro de peches de granxas e garantan a viabilidade e o futuro do sector.
Unións Agrarias lembra que non existen razóns de mercado que xustifiquen as diferencias de prezo que a día de hoxe existen entre o que as industrias pagan ás granxas máis grandes e ás pequenas (case 10 céntimos menos para as menos produtivas). Nin tampouco para que os produtores galegos perciban menos polo seu leite que os doutras Comunidades e países europeos. Así, a demanda é clara: que ningún produtor en Galicia cobre menos de 53 céntimos por litro de leite, acadando así a media de Europa.
Unións agrarias lembra que nos últimos meses están a producirse incrementos no prezo da manteiga próximos ao 40%. Unha situación de mercado moi boa que está a reportar importantes beneficios ás industrias, e que debe repercutir tamén no sector produtor. “É necesario que na renovación do mes de agosto teñamos contratos adaptados a esta realidade para que non só se beneficien as industrias. Os produtores precisan tamén deses beneficios para parar o peche continuo de explotacións”.
Eliminación do punto crioscópico
A organización leva meses solicitando a eliminación do punto crioscópico como unha referencia á hora de establecer o prezo do leite. Unións Agrarias lembra que as variacións do mesmo escapan totalmente ao control dos gandeiros e teñen moito que ver con ver con factores externos tan variables como a temperatura. Así, e vista a vaga de calor que afecta ao conxunto do Estado, Unións Agrarias insiste que as industrias eliminen dos contratos unha cláusula “nula de pleno dereito” que está a converterse nun elemento de penalización para as explotacións. “Cremos que ten que imperar a lóxica, e máis aínda debido ao momento no que estamos”, asevera a organización.


