UUAA PIDE A AMPLIACIÓN DO PRAZO PARA AS SOLICITUDES DOS PLANS DE MELLORA E INCORPORACIÓN

Os rangos de idade dos solicitantes deben voltar á fórmula anterior

Santiago, 7 de xullo de 2025.- A organización Unións Agrarias ven de solicitar á Consellería de Medio Rural a ampliación do prazo de presentación das solicitudes das axudas destinadas á modernización e mellora das explotacións agrarias das persoas agricultoras mozas.

UUAA considera insuficiente o prazo dun mes para que as persoas interesadas en presentar a súa solicitude reúnan a documentación precisa, actualicen os elementos da súa explotación no XEAGA e cumprimenten a súa solicitude a través da aplicación informática MELLES, que actualmente rexistra constantes incidencias no seu funcionamento.

Por outra banda, na actual convocatoria modificáronse os rangos de idades para os solicitantes. Así, se no 2024 se establecía que para acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas mozas estas debían ter entre 18 e 40 anos de idade, ambos incluídos, agora na convocatoria de 2025 engádese a esa condición a de non facer os 41 anos no ano natural da convocatoria. Unha nova limitación que frustrará o proxecto de vida das persoas que tendo 40 anos quedan excluídas desta convocatoria por menos de 6 meses.

Unións Agrarias considera importante que aqueles casos de persoas que se incorporaran o ano pasado na liña de  maiores de 41 anos e teñan como actividade principal a agraria tamén poidan optar a plan de mellora este ano, pois a organización ten constancia de  casos que xa quedaron fóra do plan de mellora o ano pasado e agora volven quedar.

Así, na carta remitida á conselleira María José Gómez Rodríguez a organización pide que se retome a redacción anterior que fixaba o rango de idades en: “Ter entre 18 e 40 anos de idade, ambos incluídos”.