Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a dar un paso adiante e tomar medidas que eviten a que pode ser unha crise moi potente e de consecuencias dramáticas para Riberia Sacra. Logo de dous anos encaixando serias dificultades para dar saída á uva, o abandono xa comeza a percibirse nas parcelas de distintas zonas dunha denominación de orixe para a que a viticultura é moito máis que unha actividade produtiva.
Arredor de 400 viticultores da Ribeira Sacra non atoparon comprador para as súas uvas o ano pasado. O excedente acumulado e os problemas das adegas para dar saída ao viño nun contexto de caída de consumo dos tintos deu lugar a unha situación que de novo este ano, a dous meses da vendina, volve ser practicamente a mesma.
«A situación é crítica: a xente pode resistir un ano, pero dous anos tendo que deixar as uvas colgadas son a antesala do abandono». E a realidade é que en distintos puntos da subzona do Miño, en zonas de Pantón como Espasantes, Acedre, Atán, Pombeiro ou Cangas ou en Sober, ese abandono xa comeza a percibirse. «Hai xente que ano pasado tivo que deixar 20.000 quilos de uva colgados nas viñas. Non podemos permitir que iso volva pasar, porque se se repite é máis que probable que os que ata agora resistiron abandonen».
Unións Agrarias fai un chamamento para que a administración, que ten todas as competencias e a capacidade de actuar, dea un paso máis e se implique de xeito decidido para frear unha tendencia moi preocupante. «Dar saída á produción dunha DO destas dimensións non debera ser complicado», asevera a organización, que insta a «traballar todos da man para conseguir que se recolla toda a uva e que esta poida ter un prezo xusto».
Unións Agrarias lamenta que medidas como a destilación de crise e a colleita en verde non teñan funcionado, xa que debido aos requerimentos e condicións da convocatoria a maior parte dos viticultores da Ribeira Sacra non puideron acollerse a ela. A organización pon o foco na relevancia que a viticultura ten nesta zona dende o punto de vista turístico e medioambiental, e insta á Xunta de Galicia a renovar e reformular a axuda para a produción en bancais. Nese senso, lembra que se trata dunha DO composta principalmente por parcelas de pequenas dimensións. Unha realidade que debe terse en conta á hora de deseñar as axudas, primando os primeiros metros.
Unións Agrarias olla ademais cara ao futuro e volve incidir na necesidade de elaborar un plan promocional a longo prazo, buscar novos mercados e garantir o relevo xeracional e o futuro da actividade vitivinícola desta denominación.
«Na próxima vendima non pode quedar un só viticultor sen que se lle recolla a uva, e para iso son necesarias axudas», asevera a organización; que lembra que a declaración de Patrominio da Humanidade á que opta unha zona xa catalogada como Ben de Interse Cultural pivota sobre unha fotografía que, se non se toman medidas, corre un serio risco de verse danada.


