UNIÓNS AGRARIAS INSTA Á XUNTA A ACTUAR PARA GARANTIR PREZOS XUSTOS PARA A UVA

Solicita un Observatorio e un estudo de custos e que as subvencións ás adegas se liguen á recollida da uva e ao cumprimento da Lei de Cadea

Que non quede uva sen recoller e que ningún viticultor se vexa forzado a entregar a súa produción a baixo prezo ou sen dispoñer dun contrato asinado de antemán. Son os obxectivos que Unións Agrarias se fixa para unha vendima que, a escasos dous meses do seu comezo, xa se anticipa marcada pola ameaza de aranceis dos Estados Unidos e polo descenso de consumo de tintos. Un contexto ante o que a organización se manterá moi vixiante, e ante o que insta á Xunta de Galicia a actuar.

Unións Agrarias teno claro: os vaivéns do mercado non poden servir de escusa para forzar aos viticultores a aceptar prezos que atentan contra o seu dereito á rendabilidade. E é que nalgunhas zonas vitivinícolas xa se escoitan ecos de voces que anticipan un descenso do prezo da uva debido á ameaza de aranceis de Trump. Unha posibilidade que aínda non se sabe como ou cando se materializará, e que en ningún caso pode nin debe repercutir no elo máis baixo da cadea.

«É indispensable que se cumpra coa Lei de Cadea, o que quere dicir que antes da vendima todos os viticultores deben contar cun contrato asinado que recolla as condicións de entrega e o prezo da uva». É o aviso a navegantes que lanza Unións Agrarias, que alerta de que en DOs coma o Ribeiro xa se está a falar de prezos para algunhas variedades secundarias moi por debaixo de custos de produción. «Para o palomino estase a falar de prezos no entorno dos 30 céntimos. Unha cantidade que non cubre sequera os custos de vendima».

«Dicímolo alto e claro: calquera contrato ou factura que teñamos na que se recollan prezos por debaixo de custos denunciarémola ante a AICA», advirte Unións Agrarias, que insta ás adegas a cumprir coa lei e a pagar prezos xustos pola uva. «Non podemos permitir que se banalice o traballo dos nosos viticultores, e a Xunta de Galicia debe pór sobre a mesa estudos de custos das DOs galegas que sirvan de guía e impidan que iso pase».

A organización lembra que a día de hoxe non existe ningún estudo de custos que diga canto custa producir un quilo de uva nas distintas denominacións de orixe do territorio galego. Unha eiva que Unións Agrarias insta a paliar á Consellería do Medio Rural, da que demanda a elaboración de estudos de custos da viticultura galega que permitan trazar liñas vermellas á hora de fixar prezos.

Alén diso, a organización solicita á Xunta de Galicia que ligue as axudas ás adegas á compra e pago da uva. «Non poden darse cartos públicos a unha adega que ao ano seguinte non lle recolla a uva aos seus viticultores, ou que lla pague por debaixo de custos», asevera Unións Agrarias.

Nos últimos 5 anos a metade do orzamento das axudas de reestruturación de viñedo, destinadas tanto a adegas como a pequenos viticultores, foron parar ás mans de 50 adegas, moitas das cales agora están a dicirlle aos viticultores que non lles van recoller a uva. O mesmo que pasa coas axudas para investimentos: máis de 24 millóns de euros públicos inxectados na mellora das instalacións e a imaxe das adegas galegas que agora pretenden deixar na estacada aos pequenos viticultores. «As adegas deben contar con apoios, pero debe existir un compromiso co elo máis baixo da cadea para que os beneficios desta actividade se repartan de xeito que todos poidan vivir do seu traballo».

O ano pasado en Galicia vendimáronse 74 millóns de quilos de uva que xeraron 47 millóns de litros. Un sector que na súa base ten a máis de 10.000 viticultores que xestionan máis de 9.000 hectáreas de territorio, e que é un dos que máis poboación fixa no medio rural, sendo a única actividade agrogandeira en numerosas zonas das provincias de Lugo e Ourense.