UNIÓNS AGRARIAS REXEITA UNHA PAC QUE SUPORÍA UN RECORTE ANUAL DE 76,7 MILLÓNS DE EUROS PARA O SECTOR PRODUTOR GALEGO

A organización fai un chamamento para que as forzas políticas tomen parte e confía en que a Comisión rectificará unha proposta que poría contra as cordas a capacidade de Galicia para manter investimentos esenciais para a superviviencia de agricultores e gandeiros

Santiago, 17 de xullo de 2025.- Unións Agrarias-UPA acolle con enorme preocupación o anuncio dun novo marco financieiro plurianual por parte da Comisión Europea que, na práctica, supón rematar coa PAC tal e como a coñeciamos. A organización agrogandeira rexeita frontalmente unha proposta que supón unha redución do 25% dos fondos que Europa destina ao sector produtor e que dilúe o peso dunha política esencial para agricultores e gandeiros e para o conxunto da cidadanía. Un plantexamento que representa un xiro de 180 graos respecto ao compromiso que a presidenta da Comisión adquirira co sector produtor logo das mobilizacións de 2023, e ante a que a organización agarda unha resposta contundente do Goberno e das forzas políticas.

Os fondos PAC pasarán de 386.000 a 300.000 M€ segundo a proposta que a Comisión Europea ven de facer pública. Uns datos inaceptables que porán en serio risco a capacidade de agricultores e gandeiros para facer fronte ao contexto actual, e que en Galicia significarían suprimir máis de 76,7 millóns de euros anuais; 383,5 millóns para a totalidade do período 2028-2033, “algo que a administración autonómica non ten a capacidade de asumir e que poría en serio risco a supervivencia de sectores produtores esenciais para o rural galego como o vacún de carne ou o leite”.

Unións Agrarias lembra que a redución do orzamento PAC que Europa pon sobre a mesa suporía recortes e poría contra as cordas a capacidade de Galicia para manter investimentos esenciais para a rendabilidade e a superviviencia de agricultores e gandeiros e o futuro do medio rural como son as axudas agroambientais e as destinadas a zonas con limitacións naturais, a produción en ecolóxico, modernización de explotacións, incorporación de mozos ou prevención de lumes e actividade forestal. Así, o gasto destinado a axudas agroamientais pasaría de 95 a 74 millóns de euros; o dispoñible para produción en ecolóxico reduciríase de 38 a 29 millóns; o apoio ás zonas de montaña pasaría de 20 a 15 millóns; o investimento en actividade forestal e prevención de lumes pasaría de 207 a 161 millóns de euros; e o destinado a modernización e incorporación de mozos descendería dende os 158 aos 123 millóns.

Unións Agrarias fai un chamamento para que os grupos políticos tomen parte ante un anuncio que o sector produtor e o medio rural non poden aceptar. E é que, tal e como se temía dende hai meses, a proposta anunciada pola Comisión non só recolle unha redución do orzamento europeo para a PAC: supón un desmantelamento desta política que inevitablemente xerará desigualdades entre os agricultores e gandeiros duns e outros países da Unión.

Unións Agrarias lembra que a proposta que a Comisión ven de poñer sobre a mesa deberá ser refrendada polo Parlamento europeo e polos distintos gobernos dos estados membros. Así as cousas, fai un chamamento tanto ao Executivo como aos grupos maioritarios que sustentan a Comisión para que tomen parte ante unha proposta que a organización confía que se vexa modificada nos vindeiros anos. “Non nos cabe dúbida de que ante unha proposta de tal radicalidade e inviabilidade haberá respostas e modificacións, pois o que ven de anunciarse é tanto como suprimir a PAC, a seguridade alimentaria e o dereito de acceso a unha alimentación de calidade para as rendas máis baixas”, asevera a organización, que lamenta a pretensión de Europa de apostar pola seguridade militar desmantelando a seguridade alimentaria.

Unións Agrarias lembra que non é xusto nin posible que se pida ao sector produtor facer máis con menos. E é que mentres que os fondos PAC se recortan mantéñense todas esixencias medioambientais e relativas ao benestar animal que agricultores e gandeiros deben seguir cumprindo. “Enfrontamos novos retos con menos recursos. E será imposible abordar a crise climática, xeopolítica e as dificultades comerciais actuais con menos recursos”, asevera a organización, que insta a Europa a comprometerse de xeito real e efectivo, alén das palabras, co sector produtor e co medio rural.

Alén da redución de fondos, a organización acolle con enorme preocupación un novo modelo que supón a desaparición do segundo pilar da PAC e unha renacionalización desta política que sen dúbida dará lugar a unha Europa de distintas velocidades. “O que Europa pon sobre a mesa é un cambio total de concepto que xerará desigualdades entre os estados membros. Algo moi afastado do que  o sector produtor precisa. O que temos diante é unha proposta de desmantelamento total da PAC que avanza cara a un modelo de renacionalización co obxectivo de reducir o orzamento destinado aos agricultores e gandeiros para os vindeiros anos. Unha situación que pode poñer contra as cordas ás pequenas e medianas explotacións”, asevera a organización, que esixe un orzamento “acorde ás necesidades e aos requerimentos cos que agricultores e gandeiros deben seguir cumprindo”.