Cambados, 24 de xullo de 2025.- A organización Unións Agrarias ven de rexistrar un escrito no Consello Regulador Rías Baixas para solicitar que se apliquen os datos da estimación de colleita feita polos técnicos da Denominación de Orixe, para a aplicación do artigo 8.2.A do prego de condicións desta Denominación de Orixe, e se acorde incrementar os límites de produción ata un máximo do 25%, o igual que se fixera no ano 2011.
Cando queda apenas un mes para o inicio da vendima moitos viticultores da Denominación de Orixe, están a detectar moitos casos de fincas con elevadas producións, que superan o límite establecido de rendemento por hectárea e que sen embargo presentan parámetros de calidade óptimos.
De confirmarse estas previsións, moitos superarían o rendemento establecido no regulamento da D.O fixado en 12000 kg/ha para a variedade Albariño, a principal cultivada. Os produtores, por distintos motivos, amosan moitas veces reticencias a destruír este exceso antes da vendima e moi probablemente aparezan nestas circunstancias compradores sen escrúpulos que pretenden facer negocio con esta uva “en B”, ou que causaría un grave prexuízo para o colectivo de viticultores polo baixo prezo da uva, para as adegas pola competencia desleal, e para o conxunto da cadea de valor do viño pola mala imaxe que xera.
O artigo 9.2 do Regulamento da D.O. Rías Baixas establece que os límites de produción poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador.


