UUAA PIDE AO ALCALDE DE PALAS DE REI QUE NON USE AOS GANDEIROS NA DEFENSA PARTIDISTA DE ALTRI

Ou ignora ou minte sobre a realidade das granxas do seu concello

Santiago, 9 de agosto de 2025.- Unións Agrarias pide ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, que deixe de usar aos gandeiros como instrumento na súa loita partidista pola defensa do proxecto de Altri. Polas declaracións que fixo públicas recentemente nas súas redes sociais, parece descoñecer a realidade do medio rural e dos modelos de produción agrogandeira que existen en Galicia en xeral e no seu concello en particular.

A organización agraria lembra que o gran motor e a única esperanza para manter un rural demográficamente vivo é mantendo o sector agrogandeiro activo e económicamente viable. Para este reto son indispensables as explotación familiares porque son as realmente asentan poboación e manteñen activo o ciclo económico na contorna das mesmas.

Pero lograr que este cadea de valor se manteña depende en gran medida da implicación das administracións, sobre todo a autonómica por ser a que ten máis competencias delegadas. Nese sentido hai que reseñar que os Plans de Mellora e as axudas de incorporación son pezas chave para a competitividade dos gandeiros e que os fondos proveñen nun 70% da Unión Europea, non por tanto una dádiva da Xunta de Galicia. É mais por cada euro que recibe en axudas, o gandeiro inviste sete polo que o aporte económico para tecido comercial do concello é evidente.

Finalmente, desde UUAA lémbrase ao mandatario de Palas que as preocupacións dos produtores de Palas de Rei e de Galicia non son “esmolar axudas” senón poder sobrevivir co seu traballo pero para que so ocurra é preciso que Consellería do Medio Rural non permita que se incumpra a Lei de Cadea por parte da industria, que a xestión do territorio axilice a mobilidade de terras, que a Comisión Europea ( con maioría reforzada do Partido Popular Europeo) non recorte nun 25% a PAC, etc.

Os produtores galegos xa están acostumados a ser tomados como reféns e moeda de cambio en moitas liortas no comercio internacional con China ou co Mercosur, solo faltaba agora que o alcalde de Palas de Rei non atopara mellor argumentario a favor de Altri que aldraxar aos produtores, esquecendo que son os que lle dan de comer, o defenden dos lumes forestais ou manteñen o ciclo económico vivo no medio rural.