ANTE A VAGA DE LUMES QUE ASOLA OURENSE E O RESTO DE GALICIA

En Unións Agrarias enviamos toda a nosa forza ás persoas afectadas polos lumes en Ourense, e o noso recoñecemento ao persoal de extinción, brigadas, UME, forzas de seguridade, voluntariado e veciñanza que está a protexer vidas e vivendas.


A prioridade absoluta é apagar con seguridade, eliminar rescaldos e evitar reacendidos, seguindo o protocolo que pon primeiro os núcleos de poboación e a seguridade das persoas.


Mentres dure a emerxencia, pedimos prudencia extrema, non achegarse ás zonas afectadas, se non é estritamente necesario, e seguir as indicacións oficiais (112).

En paralelo, reclamamos un despregue efectivo de medios a altura do risco. As forzas armadas, máis aló do eficaz traballo da UME sobre o terreo, deben de ser incorporadas cos seus medios loxísticos e operativos como reforzo inmediato en apoio da veciñanza.

 Solicitamos da Xunta, atender as maiores urxencias das explotacións afectadas e garantir as necesidades de alimentación do gando, activar xa a avaliación de danos en vivendas, explotacións, cultivos e infraestruturas e preparar axudas accesibles e realistas, sen formalismos imposibles, e buscar saídas para os requerimentos da PAC.

As oficinas de Unións Agrarias quedan á disposición para necesidades de coordinación, informes técnicos, valoracións e, cando toque, para axudar nas tramitacións.

Cando esta urxencia pase, haberá que avaliar con rigor que funcionou e que mellorar nas primeiras horas. E, sobre todo, actuar na raíz: recuperar xestión activa do territorio (agricultura, gandaría, silvicultura) e remunerar os servizos ambientais que prestan as explotacións.

É máis barato e máis seguro coidar o territorio todo o ano que pagarlle ao lume cada verán.

O que non xestione o agricultor, o gandeiro e o silvicultor, xestiónao o lume.

Contacta coa túa oficina de Unións Agrarias máis próxima. Estamos ao teu servizo.