OURENSE ARDE: OU XESTIONAMOS O TERRITORIO CON ACTIVIDADE OU XESTIONARÁO O LUME

Unións Agrarias lembra que as indemnizacións urxen, pero non abondan e destaca que a verdadeira resposta pasa por pagamentos por servizos ambientais, simplificación administrativa e apoio decidido ás explotacións. Só así haberá futuro despois do lume

Santiago, 22 de agosto de 2025.- A 23 de agosto, a zona cero de Ourense segue sen un reconto fiable: entre as 90.000 hectáreas calcinadas que admiten os partes oficiais e as 150.000 que estima Copernicus. Sen chuvias á vista e con moito verán por diante, o rural galego enfróntase a unha traxedia sen precedentes. Houbo anos con cifras de lume comparables —≈100.000 ha en 2006, ≈60.000 en 2017 ou mesmo ≈200.000 en 1989—, pero nunca cun impacto tan concentrado, con incendios masivos que superan as 15.000 hectáreas e arrasan comarcas enteiras.

As consecuencias están a ser demoledoras: concellos con até o 90% da súa superficie calcinada, montes devastados por décadas, pasteiros desaparecidos e explotacións sen alimento para o gando, viñas queimadas, soutos de castiñeiro arrasados e un sector apícola que tardará anos en recuperarse. Engádense vivendas, infraestruturas, vehículos e apeiros queimados, xunto co desalento dunha poboación rural que xa resistía con dificultade, e que pode marchar en masa se non ten, e se non percibe o apoio debido.

Cómpre dicilo con claridade: o que non xestiona a actividade humana coa agricultura, coa gandería e coa silvicultura, xestiónao o abandono a través do lume. Baste mirar calquera das fotos que inundan estes días medios e redes sociais, para comprobar que foron as superficies traballadas por agricultores e gandeiros as que permitiron deter nas súas beiras o lume, co esforzo dos veciños e dos equipos e medios de extinción. Pero nada garante que esas terras en activo, de eficaz efecto cortalumes, estarán aí a próxima vez con mans dispoñibles, se os produtores afectados non teñen apoio real tras esta catástrofe.

Dende xa, é imprescindible garantir alimentación para o gando das explotacións que perderon os seus pastos e rolos de herba, compensar as colmeas e facilitar alimentación para as abellas.

Pero unha vez extinguida a emerxencia do lume, resulta imprescindible realizar unha avaliación detallada dos danos e establecer mecanismos de compensación adecuados, enchendo de contido e fondos, as declaracións de zona catastrófica (ZAEPC) competencia do Estado, e da “Emerxencia de interés galego” competencia da Xunta, que deben de concretarse en ordes de axuda de inmediato. Deben contemplarse as perdas nas infraestruturas produtivas das explotacións, nas vivendas –sean primeiras ou segundas–, así como nas superficies de cultivo e nas masas forestais, que precisan dunha restauración urxente. Paralelamente, é necesario recoñecer e cubrir as perdas de renda que agricultores e gandeiros experimentarán nos meses ou anos posteriores, mediante liñas de axuda xustas, áxiles e de doado acceso.

É igualmente urxente consolidar un marco estable de pagamentos por servizos ambientais que complemente os ingresos agrarios, recoñecendo o efecto cortalumes das terras en uso, a dispoñibilidade de maquinaria e o mantemento do mosaico produtivo. Estes mecanismos deben ser sinxelos, afastados da burocracia da PAC, e combinar fondos europeos con recursos do Estado e da Xunta.

Ademais, Unións Agrarias, a través da UPA, reclamará ao Goberno de España que solicite a activación inmediata do Fondo Europeo de Solidariedade (FES). As perdas xeradas polos incendios en España e Portugal, froito da mesma vaga de calor extrema, superan conxuntamente o limiar de 3.000 millóns de euros marcado pola normativa comunitaria. Esta petición conxunta permitiría mobilizar recursos europeos urxentes para apoiar ás familias, ás explotacións e ás comunidades máis afectadas. Igualmente cobriría traballos de urxencia tras o incendio: consolidación de solos, corrección hidrolóxica, retirada de biomasa que poida xerar riscos, protección de ríos e captacións de auga potable.  

O campo non precisa máis trabas, senón facilidades para producir, simplificación administrativa e apoio decidido a quen elixe quedar, e servizos á poboación. Sen iso, o efecto dominó do abandono acabará de arrasar o que non queimaron as lapas.

Do acerto das decisións destes días dependerá o Ourense que reciban os nosos fillos e netos. Se Sociedade e Administración actuamos con intelixencia e xenerosidade na reconstrución, poderemos mitigar o golpe e erguer un territorio máis seguro e produtivo. Se, pola contra, deixamos sós a quen sostén o rural, a próxima onda de calor e seca atopará aínda menos prados, rabaños e mans que controlen a biomasa e deteñan o lume nas superficies en produción. E daquela, será o lume quen asuma a xestión que nós abandonamos, esta vez de maneira definitiva.