UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA UNHA XUNTANZA URXENTE PARA TRATAR A GRAVE PROBLEMÁTICA DOS INCENDIOS COA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Urxe a traballar sen demora para axudar ás explotacións a garantir as necesidades básicas e evitar peches

Unións Agrarias ten solicitado por escrito unha xuntanza bilateral para abordar coa conselleira do Medio Rural a gravísima problemática relacionada cos incendios forestais que afecta a Galicia. A organización quere trasladar á Xunta as súas propostas a curto, medio e longo prazo para mitigar o impacto desta catástrofe, evitar a desaparición de explotacións agrogandeiras e artellar medidas que garantan unha xestión máis efectiva do territorio no futuro.

Unións Agrarias agradece e recoñece o traballo que nas últimas semanas están desempeñando persoal de extinción, brigadas, UME, forzas de seguridade, voluntariado e veciñanza para protexer vidas e vivendas nas zonas devastadas polas lapas. Porén, a organización lembra que alén da urxencia dos traballados que é necesario realizar sobre o terreo para conter e extinguir o lume, a administración ten moito por facer para, na medida do posible, devolver á normalidade os núcleos de poboación e explotacións afectadas.

Unións Agrarias entende que a prioridade absoluta é apagar con seguridade, eliminar rescaldos e evitar reacendidos, seguindo o protocolo que pon primeiro os núcleos de poboación e a seguridade das persoas; e para elo reclama un despregue efectivo de medios á altura do risco. Pero lembra tamén a urxencia de artellar mecanismos para axudar ás explotacións a sobrelevar a situación e evitar peches.

A organización agrogandeira fai un chamamento para que a Consellería se poña a traballar sen demora para paliar as maiores urxencias das explotacións afectadas e garantir as necesidades de alimentación do gando, activar xa a avaliación de danos en vivendas, explotacións, cultivos e infraestruturas e impulsar axudas accesibles e realistas, sen formalismos imposibles, así como a buscar saídas para os requerimentos da PAC. Alén diso, lembra que, cando esta urxencia pase, haberá que avaliar con rigor que funcionou e que é preciso mellorar no futuro. E, sobre todo, actuar na raíz: recuperar xestión activa do territorio (agricultura, gandaría, silvicultura) e remunerar os servizos ambientais que prestan as explotacións.

Unións Agrarias lembra tamén a delicadísima situación na que queda a apicultura galega. Un sector cun enorme potencial que enfronta unha complicadísima tesitura debido á magnitude das áreas calcinadas e a imposibilidade de acceso a alimentación para as abellas, que a Consellería debe atender.

A organización destaca a axilidade de Castela e León, que xa ten aprobado actuacións para a recuperación das zonas afectadas polo lume nesa Comunidade, e insta á Xunta de Galicia a facer o mesmo.

Unións Agrarias lembra que o que non xestione o agricultor, o gandeiro e o silvicultor, xestiónao o lume. E incide na necesidade de poñer o foco na prevención e nunha xestión do territorio efectiva: unha solución máis barata e segura.