UUAA DENUNCIARÁ ANTE A AICA ÁS ADEGAS QUE NON CUMPRAN NA VENDIMA

A organización manterase vixiante ante calquera tentación de aproveitar a vaga de incendios para alterar os contratos

Santiago, 27 de agosto de 2025.- Unións Agrarias estará especialmente vixiante para que as adegas garantan a recollida da uva a un prezo que permita cubrires costes de produción, pois o que non pode ocorrer é que os viticultores/as sufran as consecuencias dos lumes por partida dobre. Denunciará ante a AICA (Axencia de Información e Control Alimentario) calquera comportamento irregular por parte das adegas, ao fin de que o consumidor posúa a información suficiente para, de seres o caso, discriminar coa súa compra a aquelas que realmente se están a aproveitar da situación.

Estamos ante unha situación excepcional, pois a vendima que está a comezar estes días tínguese dunha importancia substancial; en moitos dos viñedos que axudaron a frear o lume, este queimou parte das viñas, o que inevitablemente vai a repercutir nunha baixada dos rendementos.As imaxes falan por si mesmas; aqueles viñedos coidados e xestionados serviron como cortalumes naturais á hora de loitar contra o lume e evitar que este se propagara pola contorna dos núcleos de poboación rurais.

Unións Agrarias quere amosar en primeira instancia o seu recoñecemento e gratitude á labor de todos aqueles viticultores/as que día a día están a coidar os viñedos, demostrando unha vez máis que ante catástrofes ambientais como a que se está a vivir, as persoas que traballan o rural son, ao mesmo tempo, heroes e os máis damnificados.

Garantir uns prezos xustos non soamente é unha aposta polo presente e pola viabilidade do sector, senón tamén polo futuro. Precisamos que as máis de 9.000 hectáreas de viñedo que hai en Galicia segan a estar traballadas, e que os máis de 10.000 viticultores/as non cesen na súa actividade, pois o que non podemos permitirnos é que nun futuro os lumes avancen por mor da desaparición dos viñedos. A organización ven a poñer o foco na provincia máis prexudicada, Ourense, que conta con tres Denominacións de Orixe (Valdeorras, Monterrei e Ribeiro) e parte da Ribeira Sacra. Unha provincia que necesariamente ten que situarse no centro da actuación dos poderes e Administracións Públicas, ao fin de que elaboren políticas reais, pegadas ao territorio, que garantan o relevo xeracional para que “os mozos e mozas poidan optar por unha actividade que lles permita vivir dignamente, con prezos e condicións xustas.

Esta campaña que inicia Unións Agrarias consta pois de dúas vertentes; por unha banda, vixiar exhaustivamente que as adegas cumpran coa lei da cadea alimentaria e non quede uva sen recoller e, por outra, apostar por políticas que protexan aos viticultores/as para que non desapareza unha soa explotación e, ao mesmo tempo, garantan o relevo xeracional no sector porque, segundo afirman, o que non xestionamos as persoas, xestiónao o lume.