Esta vagada de lumes que está a queimar os montes e terras galegas ven a demostrar unha vez máis o papel fundamental que posúe, neste caso, o sector vitivinícola galego. As imaxes falan por si mesmas; aqueles viñedos coidados e xestionados serviron como cortalumes naturais á hora de loitar contra o lume e evitar que este se propagara pola contorna dos núcleos de poboación rurais.
Unións Agrarias quere amosar en primeira instancia o seu “recoñecemento e gratitude á labor de todos aqueles viticultores/as que día a día están a coidar os viñedos, demostrando unha vez máis que ante catástrofes ambientais como a que se está a vivir, as persoas que traballan o rural son, ao mesmo tempo, heroes e os máis damnificados”.
Estamos ante unha situación excepcional, pois a vendima que está a comezar estes días tínguese dunha importancia substancial; en moitos dos viñedos que axudaron a frear o lume, este queimou parte das viñas, o que inevitablemente vai a repercutir nunha baixada dos rendementos. Neste senso, Unións Agrarias estará “especialmente vixiante” para que as adegas garantan a recollida da uva a un prezo que “permita cubrires costes de produción, pois o que non pode ocorrer é que os viticultores/as sufran as consecuencias dos lumes por partida dobre”. Denunciará ante a AICA (Axencia de Información e Control Alimentario) calquera comportamento irregular por parte das adegas, ao fin de que “o consumidor posúa a información suficiente para, de seres o caso, discriminar coa súa compra a aquelas que realmente se están a aproveitar da situación”.
Garantir uns prezos xustos non soamente é unha aposta polo presente e pola viabilidade do sector, senón tamén polo futuro. “Precisamos que as máis de 9.000 hectáreas de viñedo que hai en Galicia segan a estar traballadas, e que os máis de 10.000 viticultores/as non cesen na súa actividade, pois o que non podemos permitirnos é que nun futuro os lumes avancen por mor da desaparición dos viñedos”. A organización ven a poñer o foco na provincia máis prexudicada, Ourense, que conta con tres Denominacións de Orixe (Valdeorras, Monterrei e Ribeiro) e parte da Ribeira Sacra. Unha provincia que “necesariamente ten que situarse no centro da actuación dos poderes e Administracións Públicas”, ao fin de que elaboren políticas reais, “pegadas ao territorio”, que garantan o relevo xeracional para que “os mozos e mozas poidan optar por unha actividade que lles permita vivir dignamente, con prezos e condicións xustas”.
Esta campaña que inicia Unións Agrarias vertébrase pois en dous piares; por unha banda, “vixiar exhaustivamente” que as adegas “cumpran coa lei da cadea alimentaria e non quede uva sen recoller” e, por outra, apostar por políticas que protexan aos viticultores/as para que “non desapareza unha soa explotación” e, ao mesmo tempo, “garantan o relevo xeracional no sector” porque, segundo afirman, “o que non xestionamos as persoas, xestiónao o lume”.


