Unións Agrarias insta á AICA e á Xunta de Galicia a actuar para garantir o cumprimento da normativa vixente nesta vendima. Un día despois de reunirse en Madrid coa responsable da Axencia de Información e Control Alimentarios para poñer sobre a mesa a preocupación existente nesta campaña, a organización agrogandeira fai un chamamento para que a administración autonómica exerza as súas funcións e impulse inspeccións para garantir o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria e evitar que nas adegas poida entrar uva por debaixo de custos de produción.
Por primeira vez en anos, en Rías Baixas impera a preocupación debido á posibilidade dunha caída no prezo da uva nesta campaña. E é que, logo de que a ampliación de rendementos solicitada por Unións Agrarias nese Consello Regulador non prosperase, a vendima chega cunha colleita estimada de 50 millóns de quilos de uva nesta DO. Un volume que a denominación de orixe non ten a capacidade de absorver, e que provocará un excedente que podería distorsionar o mercado e botar os prezos por terra.
Neste momento en Rías Baixas fálase xa dunha caída de prezos de 0,70 €/quilo. Ademais, todas as alertas están prendidas debido é existencia desa enorme bolsa de uva en b, que está a ofertarse entre 0,30 ou 0,40€/quilo. «Estamos moi preopados pola baixada que isto podería xerar. Algo moi preocupante para unha denominación de orixe que leva anos medrando e que por primeira vez se atopa con limitacións nun contexto de caída do consumo e suba de produción».
Unións Agrarias esixe rigurosidade á hora de garantir que cada quilo de uva que entre nas adegas o faga a prezos suficientes e por enriba de custos de produción, tal e como establece a lei. Igualmente, fai un chamamento ás adegas para lembrarlles a obriga de que todos os viticultores conten con contratos asinados nos que se estableza con claridade o prezo da uva antes da súa entrega. Así como para cumprir coa obriga de efectuar o pago da uva no prazo máximo dun mes.
«Pedimos que todos os Consellos Reguladores se poñan as pilas para evitar que entren uvas que non deben entrar, porque van baixar o prezo do viño e van xerar unha situación moi perigosa», asegura Unións Agrarias, que insta á Xunta de Galicia a actuar.
Coa campaña en marcha nas DOs galegas xa van 38 millóns de quilos recollidos nesta vendima; 31 deles en Rías Baixas, 4 en Ribeiro, 2 en Valdeorras, 400.000 quilos en Ribeira Sacra e apenas 100.000 en Monterrei, onde a vendima apenas se iniciou aínda. Unha campaña convulsa, especialmente para Rías Baixas, Ribeira Sacra e O Ribeiro.
Se ben en Valdeorras e Monterrei a situación está tranquila debido á alta demanda e os bos prezos do godello, cuxa uva non baixa dos 2 €/quilo, en Ribeiro, Ribeira Sacra e Rías Baixas augúranse problemas.
A situación que se deu nas campañas anteriores en Ribeira Sacra, onde 350 viticultores non tiveron quen lles recollese a uva, parece que vai repetirse este ano. Unha realidade moi preocupante que, tras tres anos sen cambios, ameaza con levar ao abandono de moitas parcelas de cultivo nunha zona na que a viticultura xoga un papel esencial na xestión do territorio e na conformación da paisaxe.
No que respecta ao Ribeiro, a baixada de prezos que xa se auguraba a comezos de verán parece que vai camiño de consolidarse, con variedades que se sitúan entre os 0,50 e o 1,50 €/quilo.
Unións Agrarias lembra a importancia que a viticultura ten para a xestión do territorio. Un papel que se demostrou recentemente na vaga de incendios, cando os viñedos exerceron de barreiras e conseguiron poñer freo ás lapas en distintas zonas de Valdeorras, Monterrei e do Ribeiro; onde ademais os propios viticultores traballaron activamente para apagar o lume cos seus medios e tractores.
«Non podemos permitirnos o luxo de que desapareza un só viticultor máis. E o prezo é unha cuestión fundamental. Este é o momento de tomar medidas», asevera a organización agrogandeira, que trasladará unha carta a a todas as adegas para lembrarlles as súas obrigas en relación ao cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria.
«Hai que activar todos os mecanismos para evitar que os excedentes de uva acaben distorsionando o mercado. Queremos inspecciónss rigorosas, e ter constancia dos custos de produción en cada DO», afirma Unións Agrarias, que lle lembra á Xunta de Galicia a necesidade de contar con eses custos de referencia publicados que sirvan como liñas vermellas para evitar desplomes dos prezos e garantir o cumprimento da Lei de Cadea.
Alen diso, a organización insta á Xunta de Galicia a paralizar as axudas públicas que está a destinar a grandes plantacións. Algo ilóxico nun momento no que está a haber problemas para dar saída á produción existente.
Unións Agrarias lembra que «non parece lóxico subvencionar a unha adega pola compra da súa propia uva. Algo que está a acontecer neste momento», indica Unións Agrarias, que reclama que o reparto de fondos públicos a adegas se ligue á obriga de cumprir cunha porcentaxe de compra de uva a pequenos produtores.


