Por segundo ano Unións Agrarias embárcase no Plan Retorna para paliar a escasez de man de obra que lastra o sector agrogandeiro. A organización colabora coa Xunta de Galicia para facilitar o retorno de galegos na diáspora contribuíndo á súa inserción laboral no sector agrogandeiro por medio dun plan que nos últimos dous días explicou a gandeiros e gandeiras da contorna de Lugo e Arzúa.
A dificultade á hora de atopar man de obra e garantir a remuda xeracional é unha constante no sector produtor galego. Un problema que lastra o presente e o futuro das explotacións, e ante o que a iniciativa da Consellería de Traballo supón unha importante ferramenta.
Unións Agrarias servirá de ponte entre a administración autonómica e o sector produtor para poñer en contacto aos galegos na diáspora interesados en voltar a Galicia para traballar nunha explotación cos titulares de granxas necesitados desa man de obra. Unha experiencia na que a organización agrogandeira se embarca por segundo ano consecutivo e que está previsto que conte cunha terceira edición.
Alén de subsanar o déficit de man de obra nas granxas, o Plan Retorna posibilitará o asentamento de poboación no rural galego converténdose así nunha ferramenta de loita contra o despoboamento e o abandono.
A anterior edición permitiu colocar en explotacións de distintos puntos da xeografía galega 14 persoas. Nas vindeiras semanas avanzará o proceso de selección para conxugar os intereses dos galegos que queren retornar coas necesidades do bo número de granxas interesadas no seu acollemento. Un proceso que culminará o 30 de novembro, cando os traballadores se incorporarán ao seu novo posto de traballo, e do que se encarga a Fundación Nortempo.





