UUAA ALERTA DO REPUNTE DE ATAQUES DO LOBO EN VIANA DO BOLO TRAS OS INCENDIOS

A organización pide á Consellería de Medio Ambiente accións valentes para non abandonar aos gandeiros

Viana do Bolo, 25/09/2025.– Unións Agrarias está a recibir nos últimos días múltiples reclamacións de gandeiros de vacún e ovino da comarca de Viana do Bolo, afectados por un repunte de ataques do lobo. Só nas dúas últimas semanas rexistráronse 5 partes oficiais de danos nos lugares de Pradoramisquedo, Cepedelo e Sever.

O paso do incendio forestal que arrasou máis de 140.000 hectáreas en Ourense, especialmente nas comarcas de Verín-Viana e do Macizo Central, provocou unha forte afectación á fauna salvaxe e mesmo a espazos da Rede Natura 2000. A esta situación súmase a destrución de hábitats nos montes limítrofes de Castela e León, tamén con importantes poboacións de lobos que se poden ver desprazadas cara a Galicia.

Como era previsible, este escenario está a provocar, segundo todos os indicios, desprazamentos das manadas de lobo, abundantes na zona, e unha maior presión sobre o gando en extensivo, ao reducirse drasticamente polo lume a dispoñibilidade de presas salvaxes como corzos e xabarís.

En Galicia é imposible realizar controis cinexéticos puntuais sobre o lobo, ao estar a normativa da Xunta, que se sustentaba no Plan da xestión do lobo, suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A Sala considerou que non había garantías suficientes sobre a viabilidade das poboacións, a pesar de haber máis lobos en Galicia que en todo Portugal, e a segunda Comunidade Autónoma en abundancia tras Castela León, paralizando así a súa aplicación ata que haxa sentenza firme. Sendo desexable que o tribunal dite resolución sobre o fondo do asunto canto antes, permitindo recuperar a posibilidade de intervencións selectivas e puntuais alí onde sexa necesario restaurar o equilibrio perdido.

Unións Agrarias considera que neste contexto, é necesario adoptar medidas alternativas de xestión que permitan aliviar a presión do lobo sobre a cabana gandeira da comarca. Entre elas, a organización propón poñer en marcha programas piloto de alimentación disuasoria, baixo control científico e técnico, que desvíen a presión predadora sobre o gando extensivo. Estes días refirzouse a alimentación de poboacións superviventes de corzos e cérvidos, mediante a colocación selectiva de palla e penso, pero non consta ningunha sobre as poboacións de lobos.

Unións Agrarias reclama tamén á Consellería de Medio Ambiente un seguimento continuado da situación e a posta en marcha de decisións valentes que permitan protexer o gando sen comprometer as poboacións de lobo, que en Galicia non están, nin moito menos, ameazadas de extinción. É o momento de facer xestión e non de deixar aos gandeiros sós co problema, cando xa están a lidar coas complicacións de ter a súa base territorial arrasada polo lume para os próximos meses.