Santiago, 26 de setembro de 2025.- Unións Agrarias trasladou á Consellería do Medio Rural a necesidade de ampliar o prazo de solicitudes de axuda por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.
No escrito da organización agraria advírtese que o remate do prazo da orde, fixado xa no vindeiro 1 de outubro, vai a imposibilitar a presentación de peticións debido a grande cantidade de documentación que é preciso achegar para complementar a solicitude.
As explotacións solicitantes deben de incorporar unha memoria, orzamentos de diferentes provedores, documentación xustificativa da propiedade, póliza de seguros, etc. Nesta situación e a tres días hábiles do peche do prazo moitas persoas afectadas polos lumes de agosto non foron quen de completar o seu expediente. A tempada de incendios forestais non rematou e aínda a comezos desta semana se rexistraron lumes nas provincias de Lugo e Ourense.
UUAA xa comunicou días atrás a Medio Rural tamén a necesidade de que se incorpore a orde de axudas o custo das pólizas dos seguros contratados polas explotacións afectadas con anterioridade á data dos danos producidos polos incendios, xa que do contrario produciríase un efecto desincentivador da contratación de seguros agrícolas, pecuarios, forestais e de explotación, que en Galicia teñen unha baixa implantación, e que provocaría que as explotacións quedasen desprotexidas fronte a outros riscos.


