UNIÓNS AGRARIAS PON EN MARCHA UNHA FERRAMENTA DIXITAL PARA IMPULSAR O TRASPASO DE EXPLOTACIÓNS E GARANTIR O RELEVO XERACIONAL NO SECTOR

Evitar que as explotacións con titulares ás portas da xubilación e sen relevo familiar boten o peche e impulsar a remuda xeracional no sector produtor. Ese é o obxectivo de Smart Farm Saving, un proxecto que Unións Agrarias impulsa co apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural FEADER e da man da Asociacións Sectorial Láctea Galega ASELAGA, PS Vet e Praxia.

A través da creación dunha base de datos e da posta en marcha dunha ferramenta dixital, Smart Farm Saving tentará poñer en contacto a gandeiras e gandeiros a piques de retirarse con persoas novas interesadas en darlle continuidade a esas explotacións. Un proxecto aínda en execución que, a un ano do seu remate, xa ten espertado o interese de arredor dun cento de granxas.

O sector gandeiro de Galicia está a enfrontar unha situación preocupante xa que nos últimos anos, están a pechar un alto número de explotacións gandeiras. Segundo os datos do SITRAN (xaneiro 2023), no período de 2018 a 2023 obsérvase que o número de explotacións gandeiras de Galicia experimentou unha clara redución, con 6851 granxas menos (8%). Ademais, arredor do 40% das explotacións gandeiras teñen como titular a unha persoa nos seus últimos dez anos de vida laboral.

A principal razón deste fenómeno é a falta de relevo xeracional. Segundo un estudo realizado no marco da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, o 77% dos gandeiros que non teñen pensado continuar no sector lácteo non teñen posibilidade de relevo dentro da familia. Sen embargo, unicamente o 15% deles teñen previsto alugar ou vender a explotación a persoas alleas. Ademais, a este progresivo abandono tamén contribúen significativamente o incremento dos custos de produción e a redución de rendibilidade.

Unha das causas e á súa vez consecuencias deste fenómeno é que os concellos rurais de Galicia, segundo o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, perderon case o 20% da súa poboación (1996-2017). A isto hai que sumarlle un envellecemento cada vez máis acentuado da poboación rural con un índice de envellecemento duplicado en referencia a poboación urbana de Galicia. Con isto acelérase o proceso de abandono do medio rural e as súas graves consecuencias ambientais, económicas e sociais.

O Grupo Operativo Smart Farm Saving ten como obxectivo principal previr o peche e abandono dun número significativo de explotacións gandeiras en Galicia, mediante o desenvolvemento dunha ferramenta dixital intelixente para detectar e caracterizar todas aquelas posibles explotacións en risco de pechar creando unha base de datos accesible a posibles interesados en darlles continuidade. Permitirá actuar de forma proactiva, un paso por diante e sen esperar a que os titulares das explotacións tomen a iniciativa.

A ferramenta dixital non só permitirá a consolidación dos datos sobre as explotacións, senón que tamén proporcionará información sobre as medidas de actualización e modernización necesarias para cada unha delas, asegurando a súa viabilidade e sustentabilidade futura.

Co fin de caracterizar e identificar as explotacións en risco de peche, o proxecto conta cun Comité Asesor formado por expertos e axentes de interese do sector que determinará os parámetros e características a ter en conta. Crearase así unha base de datos accesible para posibles interesados en darlle continuidade ás explotacións onde poderán ver as súas características e atoparán información sobre as medidas de actualización e modernización que as explotacións requiren, o que lles permitirá tomar decisións informadas sobre o seu futuro.

Ademais, a través do GO, promoverase a transferencia planificada de explotacións gandeiras proporcionando asesoramento e acompañamento as dúas partes interesadas, facilitando o proceso de transferencia e fomentando a continuidade e modernización das explotacións.

Durante a execución do proxecto implementaranse diversas medidas de divulgación a nivel autonómico, estatal e europeo e con especial foco en mulleres e xoves: xornadas e talleres, publicacións, información en RRSS, etc.