UNIÓNS AGRARIAS REIVINDICA O PAPEL PROTAGONISTA DA GANDERÍA TRADICIONAL EN EXTENSIVO

Unións Agrarias puxo o foco hoxe no papel esencial que a gandería tradicional en extensivo desenvolve para o conxunto do país. Un sector que non só produce carne de primeira calidade baixo os máis estritos parámetros de benestar animal e seguridade alimentaria; senón que fixa poboación, xestiona territorio e representa un activo indispensable na prevención contra os incendios forestais.

Nun momento que pode considerarse bo para o sector no que a prezos se refire, Unións Agrarias quixo poñer o foco noutros aspectos nos que é preciso afondar e seguir traballando polo futuro e a mellora da actividade.

En primeiro lugar a organización lembrou a caída do número de explotacións que está a darse. Unha falla de remuda xeracional que é preciso ter moi presente para garantir o relevo e o futuro da actividade.

Unións Agrarias tamén destacou o papel medioambiental que desenvolve a gandería tradicional e a sía importancia na xestión do territorio e a prevención de incendios. Unha función que a organización avoga por poñer en valor, recoñecer e incentivar, incorporando a gandeiras e gandeiros ao dispositivo de prevención e loita contra o lume.

Por último, a organización aposta por impulsar un Observatorio e unha Mesa de Prezos que permitan que estes se deseñen en base a conceptos obxectivos e medibles. «É moi difícil impulsar un prezo para a ternera galega se o 65% da produción se vende aquí e non procuramos novos mercados. Non podemos permitir que en Galicia a industria teña cautivo un prezo por debaixo do da Lonxa de Binéfar ou da de Salamanca. E niso queremos traballar coa industria, coa distribuicón e tamén coa Consellería».

Gandeiros da provincia de Lugo participaron hoxe na xornada «Galicia – Gandería Extensiva», organizada por Unións Agrarias no CEI Nodus. Un encontro no que, ademais do secretario xeral e do vicesecretario xeral da organización, Roberto García e Félix Porto, participaron a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez; o secretario de Gandería da Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos UPA, José Ramón González; o responsable da Área de Vacún de Carne de Unións Agrarias-UPA, José Rodríguez; e a concelleira de Medio Rural do Concello de Lugo, Ana González.