Unións Agrarias celebrará o vindeiro 24 de outubro a xornada sobre «Xestión Medioambiental das Explotacións de Vacún de Carne». Un encontro para a análise e a posta en común que a organización organiza por cuarto ano, e que terá lugar en Pedrafita do Cebreiro.
Analizar a situación do sector cárnico de vacún da man das gandeiras e gandeiros que o conforman é o obxectivo dun encontro que quere poñer en valor o papel da gandería tradicional en extensivo e da produción de carne en Galicia.
O programa, que se desenvolverá ao longo da mañá nas naves multifuncionais do mercado gandeiro da localidade lucense, inclúe unha mesa redonda con ponencias nas que se abordará a situación de mercado da carne de vacún galega, así como os retos que os produtores enfrontan no que ten que ver coa sanidade e o benestar animal e a PAC.



