200 GANDEIROS PARTICIPAN EN PEDRAFITA NA XORNADA SOBRE XESTIÓN AMBIENTAL DE EXPLOTACIÓNS DE VACÚN DE CARNE

O relevo xeracional, a PAC ou a necesidade de ferramentas para unha formación de prezos xusta e obxectiva foron algúns dos retos abordados

24 de outubro de 2025.- 200 gandeiras e gandeiros achegáronse este venres ata Pedrafita do Cebreiro para participar na Xornada sobre Xestión Mediambiental de Explotacións de Vacún de Carne impulsada por Unións Agrarias-UPA. Un encontro que quixo poñer en foco na situación, retos e necesidades dunha actividade esencial para o rural galego.

Logo de anos de estancamento, os prezos da tenreira suprema teñen experimentado un aumento do 49%. Porén, é necesario seguir traballando para evitar oscilacións á baixa impostas de maneira arbitraria e asentar ferramentas que garantan unha formación de prezos xusta, e acorde á excepcional calidade das nosas carnes. É unha das reivindicacións que quedou sobre a mesa en Pedrafita, onde Unións Agrarias avogou tamén por blindar unha PAC ben dotada, igualitaria e con orzamento suficiente para seguir aportando o apoio que as explotacións tradicionais precisan; así como por conseguir para a gandería o recoñecemento ao indispensable labor que desempeña como xestora do territorio.

A gandería tradicional é moito máis que unha actividade económica: fixa poboación e crea riqueza nas zonas do rural galego coas que máis se ceban o abandono e o despoboamento; e supón un activo indispensable dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención de incendios forestais. Ter en conta ese papel é unha das reclamacións para un sector que ten na falla de relevo xeracional outra das súas asignaturas pendentes. «E iso ten que ver cos prezos, pero non só. Non se trata só de que as granxas sexan rentables. Vivir no rural ten que ser igual que vivir en calquera outra zona, cos mesmos servizos e calidade de vida», reivindicou o secretario xeral de Unións Agrarias, que lembrou os recortes en materia sanitaria e educativa ou o peche de oficinas bancarias que afecta a tantas localidades do rural galego.

O secretario xeral da Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos-UPA, Cristóbal Cano, participou nun encontro no que, ademais do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, interviron o vicesecretario xeral da organización, Félix Porto; o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a responsable da Área de Rumiantes da Subdirección xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Nieves Ansón; o responsable de Gandería de Unións Agrarias, José Rodríguez; o responsable de Gandería da UPA, José Ramón González; e o técnico en PAC da UPA Javier Alejandre.