Santiago, 27 de outubro de 2025.- Unións Agrarias solicitou na reunión mantida hoxe na Consellería do Medio Rural que se fagan controis estritos en matadoiros e camións de transporte animal para evitar contaminacións cruzadas que poidan estender a dermatose nodular contaxiosa aos rabaños de vacún de Galicia.
A organización fai un chamamento á responsabilidade das persoas consumidoras para lembrar que esta doenza no gando vacún non representa ningún risco para as persoas e convida ás administracións a que insistan nesta clave para evitar repercusións no consumo tanto interno como internacional, que xa se veu afectado pola imposibilidade de exportar animais vivos polo peche de determinados países como Marrocos.
A dermatose nodular contaxiosa ten dúas vías de entrada nos rabaños: a través da picadura de insectos (risco que remitirá coa previsible baixada das temperaturas), ou ben pola contaminación mecánica de superficies polo roce de animais enfermos. Para poñer freo a esta última resulta de vital importancia que se extremen as medidas de hixiene e control por parte das autoridades sanitarias.
Para UUAA a moratoria de celebración das feiras de gando supón unha medida coherente, xa que o prazo de 21 días é asumible polas explotacións e non altera a tipoloxía dos animais a hora de ser comercializados.


