Dende o venres 7 e ata o mércores 12 de novembro é posible consultar online o listado de explotacións que poderán beneficiarse das axudas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para compensar a afectación dos incendios deste verán. Tal e como solicitara Unións Agrarias, o goberno central ten optado por actuar de oficio, evitando papeleo e facilitando un acceso aos fondos rápido, áxil e sinxelo aos afectados.
Unións Agrarias agradece a sensibilidade do goberno central para conseguir que a axuda chegue canto antes aos agricultores e gandeiros das zonas devastadas polas lapas. A organización agrogandeira valora tanto a rapidez como o modelo escollido, que permitirá que os fondos cheguen ao sector produtor sen trámites nin longos procedementos.
As axudas do Ministerio destinadas a compensar os danos producidos na actividade agraria polos grandes lumes deste ano establécense en base á actividade económica declarada pola explotación no ano anterior, e están dirixidas a todas as explotacións situadas total ou parcialmente nunha zona afectada por un incendio de máis de 500 hectáreas.
As achegas permitirán compenssar de xeito rápido a falta de liquidez que, a causa das lapas, están a padecer numerosas explotacións agrogandeiras en Galicia.


