UNIÓNS AGRARIAS SÚMASE Á RECLAMACIÓN DA VECIÑANZA DE CAMPOMARZO CONTRA O VERTEDOIRO

Pide que se free o proxecto de ampliación e se proceda ao selado definitivo dunha ubicación que leva anos xerando problemas

Que se free o proxecto de ampliación proxectado pola empresa que xestiona o vertedoiro de residuos de construción e demolición de Campomarzo e que se proceda ao selado definitivo dunha ubicación que leva anos provocando problemas. É o que reclama Unións Agrarias, que este venres mantivo unha xuntanza coa veciñanza deste lugar do municipio de Silleda para falar da situación e trazar a folla de ruta a seguir.

Unións Agrarias xa ten solicitado xuntanzas coa Xunta de Galicia e co Concello de Silleda para que ambas administracións se posicionen claramente sobre Campomarzo. E é que, a pesar de que a veciñanza comezou co proceso de alegacións para paralizar o vertedoiro xa no 2023, a día de hoxe nin o goberno local nin o autonómico teñen dado resposta.

Máis de 400 alegacións e de 2.000 sinaturas avalan e dan boa mostra da oposición veciñal a un vertedoiro que de xeito sistemático provoca verquidos e filtracións potencialmente contaminantes ao río Toxa. Un cauce fluvial que bordea a zona na que se almacenan os residuos, e ao que as augas lixiviadas do vertedoiro se filtran de xeito repetido en época de choivas. Así, pese a que na actualidade os lixiviados dos residos almacenados contaminan tanto o río Toxa como os seus acuíferos subterráneos, no proxecto de ampliación que está sobre a mesa non se propoñen medidas para solventar esta problemática. Moi pola contra, cabe supoñer que a proposta de ampliación do depósito de residuos poida agravar a situación, provocando efectos nocivos para o medio ambiente e a saúde, así como malos cheiros e risco de incendios.

O vertedoiro de Campomarzo ubícase a uns 200 metros da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ulla-Deza e invade áreas da Rede Natura 2000. E, ademais da súa afectación ao dominio público hidrolóxico, nas proximidades atópase tamén o Petroglifo do Penedo de Portavieiro, catalogado como Ben de Interese Cultural.

ACTIVIDADE GANDEIRA

No termo municipal de Silleda ubícanse 374 explotacións de vacún; 104 de ovino e caprino; 77 de porcino; e 62 avícolas.

En Vila de Cruces traballan 273 explotacións de vacún; 48 de ovino e caprino; 26 de porcino; e 35 avícolas.

Un total de 999 explotacións gandeiras situadas nos municipios polos que transcorre o Toxa que poderían ver comprometida a súa actividade en caso de producirse un episodio de contaminación no cauce do río.

Unións Agrarias confía en que a Xunta de Galicia actúe coa sensibilidade e a responsabilidade precisa e poña freo a un vertedoiro que pon en risco o modo de vida e a actividade dun milleiro de familias que viven, traballan e xestionan territorio no rural. Nese senso, a organización destaca que os intereses da veciñanza e os do sector produtor non poden ir por detrás que o interés particular dunha única empresa. E lembra que evitar o despoboamento e fixar poboación no rural pasa tamén por evitar actuacións deste tipo, que restan calidade de vida e degradan o medio ambiente e o territorio.