Santiago 24 de novembro.- Por terceira vez Unións Agrarias ve respaldadas as críticas verquidas contra Corporación Alimentaria Peñasanta S.A. pola discriminación que esta exerceu sobre os gandeiros galegos ao impedir unha negociación efectiva para a fixación do prezo do leite en orixe, provocando así caídas inxustificadas nas cotizacións ao longo de 2023.
O Xulgado do Mercantil nº 3 da Coruña ven de emitir unha sentenza na que queda recollido que as prácticas de CAPSA xa foron sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercado e a Competencia (CNMC), proceso que sigue na actualidade na Audiencia Nacional. Así, en todo o percorrido xudicial está quedando probado que a industria asturiana, xunto con outras industrias agrupadas no chamado Cártel Lácteo, provocaron un empobrecemento de 2.600 millóns de euros para as ganderías. No que respecta ás cifras galegas, á nosa Comunidade pertencen máis de 5.000 das 7.000 ganderías que teñen canalizado a súa reclamación a través de Unións Agrarias; que suma unha reclamación total de 800 millóns de euros aos que habería que sumar outros 250 correspondentes aos intereses de demora acumulados.
Unións Agrarias, insiste na esixencia ás administracións para que sexan inflexibles con estas prácticas comerciais tóxicas para o sector produtor por parte de empresas que, como Central Lechera Asturiana, forzan aos gandeiros galegos – non así aos asturianos- a ter que vender a súa produción a perdas, ou cunhas marxes de beneficio ínfimas. Do mesmo xeito, Unións Agrarias fai un chamamento ás explotacións lácteas para que se neguen a asinar contratos abusivos e que denuncien as presións recibidas a través de organización de produtores como ULEGA.
Unións Agrarias lamenta o empeño de CAPSA por tentar frear a actividade sindical recurrindo á vía xudicial e reafírmase no seu papel como organización para a defensa das produtoras e produtores galegos. «Non é só que o que dixemos fose certo: é que como organización temos o deber de sinalar prácticas que atentan contra a rendabilidade e os dereitos do sector produtor».
O asunto queda dirimido. E, para que non haxa dúbidas, publicamos, tal e como CORPORACIÓN ALIMENTARIA PEÑASANTA S.A. solicitou nos xulgados, a sentencia que desestima a demanda contra a nosa organización e condena a CAPSA a asumir as costas do procedemento.


