UUAA EXIXE MEDIDAS CONTUNDENTES DE CONTROL DOS XABARÍS ANTE O GROMO DE PESTE PORCINA AFRICANA DETECTADO EN CATALUÑA

A organización leva anos advertindo do risco e solicitando medidas adecuadas

Santiago, 28 de novembro.- Unións Agrarias solicita unha reunión de urxencia coas Consellería de Medio Rural e Medio Ambiente para trazar un plan de actuación inmediato ante os casos de Peste Porcina Africana (PPA) detectados en Cataluña. Pola información que se manexa, a detección do virus deuse en dous xabarís na provincia de Barcelona, o que supón a reaparición da enfermidade por primeira vez desde 1994.

A organización agraria fai un chamamento para que se tomen medidas de control contundentes diante da fauna salvaxe, sobre todo xabarís, por ser estes o vector de transmisión da PPA máis activo. Neste sentido, UUAA lembra que leva anos advertindo do grave risco sanitario que supuña o descontrol das mandas de xabarís para as explotacións porcinas. Na actualidade e a falta de censos oficiais, que tamén foron reclamados por UUAA en numerosas ocasións, o número de animais que podería formar parte das mandas de de procos bravos existentes en Galicia supera os 100.000 animais.

Unións Agrarias exixe do Ministerio de Agricultura que se rexionalice a toma de medidas de control e se poña o foco das limitación de movementos en Cataluña co obxectivo de que non se vexan afectadas a totalidade das granxas en produción do Estado español.

O porcino é un sector de enorme importancia para o medio rural galego, xa que conta con case 2.300 explotacións con 1,2 millóns de cabezas e supón unha facturación de máis de 450 millóns de euros, con especial incidencia en comarcas como O Deza e A Limia, entre outras.

Unións Agrarias fai un chamamento de tranquilidade aos consumidores para lembrar que esta doenza no gando porcino non representa ningún risco para as persoas; e convida ás administracións a que insistan nesta clave para evitar repercusións no consumo tanto interno como internacional.

Do mesmo xeito, a organización agraria pide ás granxas e transportistas que extremen as medidas de bioseguridade para tratar de atallar a extensión do problema.