Santiago, 28 de novembro de 2025.- Unións Agrarias, logo de ter coñecemento da reapertura das feiras e mercados de gando a partir do vindeiro luns e logo da paréntese motivada polas medidas de prevención ante a dermatose nodular, pide a todos os elos da cadea de comercialización de gando vacún que extremen as medidas de precaución para evitar contaxios.
Segundo a información trasladada desde a Consellería de Medio Rural, so se poderá mercar gando que teña orixe en granxas galegas e que non tivese contacto con animais de fóra da Comunidade. Neste caso, os titulares das explotacións deberían gardar unha corentena de 21 días antes de sacar a res ao mercado.
A organización agraria manifesta que estará alerta para informar de calquera incumprimento no transporte ou na concentración de animais sobre a normativa de aplicación obrigatoria, co obxectivo de evitar calquera gromo da enfermidade nas explotacións polos efectos devastadores que iso tería para o sector en Galicia.
A organización fai un chamamento á responsabilidade das persoas consumidoras e insiste en lembrar que esta doenza no gando vacún non representa ningún risco para as persoas. Nese senso, convida ás administracións a que informen nesta clave para evitar repercusións negativas no consumo, tanto interno como internacional.
Finalmente, UUAA pide ás granxas que extremen as medidas de desinfección e desinsectación dado que a picadura dos insectos é unha vía de contaxio da dermatose nodular.


