Santiago, 28 de novembro de 2025.- Unións Agrarias apoiará á asociación de veciños afectados polo vertedoiro de Campomarzo, en Silleda, nas reunións previstas para os días 1 e 3 de decembro coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, respectivamente.
Na liña do que a veciñanza leva xa dous anos reclamando, a organización agraria pide que se free o proxecto de ampliación proxectado pola empresa que xestiona o vertedoiro de residuos de construción e demolición de Campomarzo e que se proceda ao selado definitivo dunha ubicación que de xeito reiterado ven provocando problemas. Unións Agrarias fai súas as demandas veciñais e ponse a disposición dos afectados para a tramitación administrativa e legal das denuncias. A asociación conta con máis de 400 alegacións e de 2.000 sinaturas que avalan e dan boa mostra da oposición veciñal a un vertedoiro que de xeito sistemático provoca verquidos e filtracións potencialmente contaminantes ao río Toxa. Un cauce fluvial que bordea a zona na que se almacenan os residuos, e ao que as augas lixiviadas do vertedoiro se filtran de xeito repetido en época de choivas.
Pese a que na actualidade os lixiviados dos residos almacenados contaminan tanto o río Toxa como os seus acuíferos subterráneos, no proxecto de ampliación que está sobre a mesa non se propoñen medidas para solventar esta problemática. Moi pola contra, cabe supoñer que a proposta de ampliación do depósito de residuos poida agravar a situación, provocando efectos nocivos para o medio ambiente e a saúde, así como malos cheiros e risco de incendios. O vertedoiro de Campomarzo ubícase a uns 200 metros da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ulla-Deza e invade áreas da Rede Natura 2000. E, ademais da súa afectación ao dominio público hidrolóxico, nas proximidades atópase tamén o Petroglifo do Penedo de Portavieiro, catalogado como Ben de Interese Cultural.
ACTIVIDADE GANDEIRA
No termo municipal de Silleda ubícanse 374 explotacións de vacún; 104 de ovino e caprino; 77 de porcino; e 62 avícolas. En Vila de Cruces traballan 273 explotacións de vacún; 48 de ovino e caprino; 26 de porcino; e 35 avícolas. Un total de 999 explotacións gandeiras situadas nos municipios polos que transcorre o Toxa que poderían ver comprometida a súa actividade en caso de producirse un episodio de contaminación no cauce do río. Unións Agrarias confía en que a Xunta de Galicia actúe coa sensibilidade e a responsabilidade precisa e poña freo a un vertedoiro que pon en risco o modo de vida e a actividade dun milleiro de familias que viven, traballan e xestionan territorio no rural. Nese senso, a organización destaca que os intereses da veciñanza e os do sector produtor non poden ir por detrás que o interés particular dunha única empresa. E lembra que evitar o despoboamento e fixar poboación no rural pasa tamén por evitar actuacións deste tipo, que restan calidade de vida e degradan o medio ambiente e o territorio.


